O BNG propón que se duplique o orzamento do cheque social para atender todas as solicitudes

O BNG propón que se duplique o orzamento do cheque social para atender todas as solicitudes

A fronte nacionalista esixe tamén ao Concello que apure ao máximo a tramitación das axudas

Aseguran que o aumento nun 40% no número de solicitudes testemuña a “emerxencia social” que se padece na cidade

 

Vigo, 11 de xuño de 2015.- O aumento nun 40% do número de solicitudes para se acolleren á liña de Axudas extraordinarias a familias para gastos de aloxamento, subministros e alimentación do Concello de Vigo --coñecidas como “cheque social”-- é un novo síntoma da situación de grave emerxencia social que padece a cidade. Así o entende o Bloque Nacionalista Galego. “As máis de 3000 solicitudes son a evidencia do crecente empobrecemento social, derivado da crise pero tamén das políticas antisociais executadas primeiro polo PSOE e agora polo PP desde Madrid e a Xunta” valoran.

A Executiva Local do BNG de Vigo xulga que estes datos deberan provocar unha “rectificación completa no sentido das prioridades” do Goberno Local. Neste senso, reiteran a súa demanda de que se concentren todos os esforzos e capacidades dos que dispón a administración municipal a enfrontar a emerxencia social. “Non se poden perder outros catro anos desatendendo os problemas reais da xente. O Goberno Local debe enfrontar este novo período cunha única idea: as persoas son o primeiro” reclaman.

Axilidade

O Bloque esixe que a tramitación destas solicitudes se desenvolva coa máxima axilidade atendendo a urxencia da necesidade social que as motiva. Neste senso, propoñen que se reforce cos medios humanos e materiais necesarios aos servizos sociais municipais para acurtar ao máximo os prazos de tramitación.

“Se non se acurtan os prazos, mesmo cumpríndose as bases, as persoas beneficiarias nunca percibirían as axudas antes de finais do mes de outubro” alertan, lembrando que xa se teñen dado casos nos que a propia administración incumpría os prazos fixados.

Máis orzamento

Por outra parte, consideran que o elevado volume de solicitudes pon de manifesto a insuficiencia da partida orzamentaria destinada, logo do pacto entre PSOE e PP. “O 1.800.000€ previsto reduce esta axuda ao equivalente a 50€ mensuais de media e dado que o orzamento se distribúe de maneira proporcional haberá persoas que perciban inda menos” denuncian.

É por iso que instan ao Goberno Local a tramitar unha modificación dos orzamentos municipais para ampliar significativamente a partida destinada ao cheque social, como mínimo na mesma proporción en que aumentou a demanda. “Duplicar o orzamento actual destas axudas, chegando até os 4 millóns de euros é perfectamente factíbel, só precisa de vontade” defenden. “O PSOE vén de anunciar que este mesmo mes destinarán 10 millóns de euros a amortizar anticipadamente créditos, é evidente que se poderían dedicar a usos sociais” sosteñen as nacionalistas, que apuntan á redución de gasto en propaganda como unha fonte de recursos.

Xunta

Asemade, o Bloque reiterou as súas críticas cara ao Goberno galego por non atender as súas obrigas en materia de políticas sociais. “A posta en marcha desta axuda municipal, a proposta do propio BNG, respondía tamén ao feito de que o Goberno galego do Partido Popular dálle as costas aos problemas sociais” argumentan, lembrando as demoras na tramitación da Risga e a “total insuficiencia” das axudas sociais dependentes da administración galega.

 

O BNG propón que se duplique o orzamento do cheque social para atender todas as solicitudes