O BNG reclama para Vigo 15 millóns de euros máis nos Orzamentos Xerais do Estado

O BNG reclama para Vigo 15 millóns de euros máis nos Orzamentos Xerais do Estado

As emendas parciais presentadas polo Bloque no Congreso céntranse na reactivación industrial, o emprego e a mellora das infraestruturas e o transporte da cidade.

roldaOXEVigo, 27 de agosto de 2015.- O BNG vén de presentar publicamente as súas emendas aos Orzamentos Xerais do Estado para o ano 2016. Logo de que a maioría absoluta do  PP rexeitar a emenda á totalidade formulada pola fronte nacionalista, a deputada Olaia Fernández Davila e máis o Responsábel Local do Bloque en Vigo, Henrique Viéitez, compareceron esta mañá en rolda de prensa para trasladar o contido e obxecto das emendas presentadas ao articulado dos OXE.

15 millóns máis

A nivel local as emendas do BNG supoñen aumentar en 15 millóns 750 mil euros as partidas orzamentarias que o Estado destinará a Vigo.

As demandas concéntranse sobre todo na promoción da actividade económica e a xeración de emprego. “A situación do desemprego na nosa cidade e comarca continúa a ser dramática” explicou Viéitez. Para iso demandan 10 millóns de euros para a posta en marcha dun Plan de reactivación e modernización da industria. “Con esta medida queremos frear o devalar industrial que ten ademais graves consecuencias para o conxunto da actividade económica e a cidade”.

Infraestruturas

As infraestruturas, e singularmente a mellora da conexión da cidade e das súas redes de transporte, son un dos principais aspectos recollidos nas emendas nacionalistas. Neste capítulo inclúen medidas como a conversión en vía urbana do treito da AP-9 desde Rande até a cidade, a conexión do porto coa estación do tren e máis o aeroporto --”fundamental para garantir unha intermodalidade efectiva”-- , a conexión ferroviaria coa Plisan e con Bouzas, a implantanción do tren de proximidade (cercanías) e a mellora do tren Vigo-Tui (incluído mercadorías).

Aeroporto

Pular polo desenvolvemento do aeroporto de Peinador, atendendo a súa importancia como “elemento dinamizador da economía” é tamén outro dos obxectivos das emendas do BNG. Para iso demandan do Goberno Central un Plan de Dinamización da terminal viguesa, dotado con 250.000€. Piden tamén a “necesaria” conexión directa do aeroporto coa  AP-9 e a construción dunha área loxística nas proximidades de Peinador para estimular o tránsito de mercadorías.

Exixen tamén que se acometa a necesaria “reordenación de usos na Ría de Vigo” e que se amplíe a depuración ao conxunto da Ría. Para iso propoñen unha partida de 300 mil euros destinada a elaboración dun estudo. Aos que se sumarían outros 150 mil euros destinados á rexeneración das Illas Cíes.

Ademais de reiteraren o reclamo dunha biblioteca estatal (1,2 millóns de euros), as nacionalistas propoñen aumentar a achega económica do Estado ao Museo de Arte Contemporánea de Vigo (50.000€ máis).

Máis política social e I+D+i

A voceira do BNG no Congreso, a deputada viguesa Olaia Fernández Davila, presentou asemade as liñas xerais das emendas nacionalistas referidas ao conxunto de Galiza. Davila salientou os 150 millóns de euros que defenden destinar a axudas de dependencia. “Para poder atender as persoas que teñen dereito a percibir esas axudas e que por falta de fondos a Xunta non as está a aprobar e para aumentar as contías”, explicou.

Outra das grandes apostas do BNG é que os OXE fagan unha aposta polo I+D+i. Nesa dirección vai a emenda pola que propoñen dotar con 450 millóns de euros un plan de investimento público en investigación, desenvolvemento e innovación. Unha medida que a nacionalista xulga fundamental para mellorar a produtividade e estimular a actividade económica e a creación de emprego que evite a emigración.

Aliás, propoñen dedicar 150 millóns de euros á modernización do sector naval, por ser unha actividade estratéxica para Galiza, e destinar 120 millóns de euros a políticas activas de emprego. Sobre isto último Davila reiterou a súa crítica cara ao Goberno español de Mariano Rajoy por financiar as políticas de emprego a cargo dos fondos da Seguranza Social. Unha decisión, que xunto ao empobrecemento dos salarios e a conseguinte redución das cotizacións, está a colocar a Seguranza Social en número vermellos. Piden tamén aumentar en 100 millóns de euros as partidas destinadas a becas e axudas a estudantes.

RELACIÓN DE EMENDAS DO BNG AOS OXE 2016

REFERIDAS Á CIDADE DE VIGO

-Plan de reactivación económica e industrial da comarca de Vigo: 10 millóns €

-Elaboración estudo ordenación ría de Vigo: 300.000 €

-Acceso a Peinador dende a AP-9: 1.200.000 €

-Estudo conversión tramo AP-9 Rande- Vigo en vía urbana: 200.000 €

-Estudo para a conexión do porto-estación AVE-aeroporto: 600.000 €

-Biblioteca estatal para Vigo: 1.200.000 €

-Estudo de conexión ferrocarril porto de Vigo-PLISAN: 300.000 €

-Estudo de mellora da calidade das augas da ría de Vigo: 250.000 €

-Recuperación illas Cíes: 150.000 €

-Estudo para a construción dunha área loxística próxima a Peinador: 300.000 €

-Estudo para a implantación tren de proximidade: 300.000 €

-Estudo para a conexión por ferrocarril da terminal portuaria de Bouzas: 350.000 €

-Estudo para a mellora da conexión ferroviaria con Portugal, tramo Vigo-Tui, contemplando tren de proximidade e mercadorías: 300.000 €

-Incremento aportación ao Museo Marco: 50.000 €

-Plan de dinamización do aeroporto de Peinador: 250.000 €

TOTAL: 15.750.000 €