O Bloque demanda un plan de choque para reactivar o emprego e evitar a desertización industrial de Vigo

O candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, alerta de que os “pésimos” datos da última EPA confirman a tendencia a cronificar o desemprego e a desaparición de base produtiva industrial.

O Bloque demanda un plan de choque para reactivar o emprego e evitar a desertización industrial de Vigo

Os datos da Enquisa de Poboación Activa referidos ao terceiro trimestre do presente ano son, no referido á cidade de Vigo, “pésimos e inmensamente preocupantes”, segundo valorizou o candidato do BNG á alcaldía, Xabier P. Igrexas, que urxiu a poñer en marcha un plan de choque en materia de emprego e industrialización.

Segundo a estatística oficial, na cidade olívica destruíronse por volta de 2.600 postos de traballo en relación ao anterior trimestre, e son xa 9.300 empregos menos que na mesma altura do ano 2009, tal e como recollen as cifras de poboación ocupada. Para a fronte nacionalista resulta especialmente preocupante que só nos tres últimos tres meses se destruíran 1.000 empregos nas actividades industriais e outros 300 no sector da construción. En total, nos últimos nove anos, a serie histórica recolle que a industria viguesa perdeu 8.200 postos de traballo, e a construción 2.200. Neste sentido, o Bloque advirte de que a redución en 1.300 persoas paradas no último trimestre non se corresponde –tal e como recolle a propia EPA– coa creación de emprego e alerta do aumento da poboación inactiva, que engadiu 4.100 persoas só no último trimestre. “Pode que as enquisas reflictan que hai menos xente parada, pero o importante e grave é que hai moita menos xente traballando que antes”, contrapoñen.

“Son datos dunha gravidade extrema que volven confirmar que o desemprego está a cronificarse na nosa cidade e que a desertización industrial avanza a toda velocidade, o que inviabiliza unha recuperación económica real, e seguirá a agudizar o crecente empobrecemento social”, resume Pérez Igrexas. O candidato nacionalista xulga que é urxente “unha mudanza radical nas políticas económicas, sociais, laborais e industriais, no sentido contrario das impostas polo Partido Popular desde a Xunta de Galiza”. Tamén reclama que o novo Goberno español “bote abaixo as reformas laborais e da negociación colectiva que só serviron para facilitar o despedimento, destruír emprego, empobrecer salarios e precarizar as condicións laborais”.

Plan de choque

Igrexas demanda un “plan de choque” que implique a todas as administracións “para evitar que unha cidade que temos todas as condicións para volver ser un verdadeiro pulmón industrial do País acabe esmorecendo a nivel produtivo”. “Non pode ser que as únicas opcións laborais que haxa en Vigo sexa o emprego ultraprecario e mal pago no sector servizos ou a emigración”, remachou. A nivel municipal o candidato anunciou que o BNG volverá demandar un aumento susbtancial das partidas orzamentarias destinadas ao Plan Municipal de Emprego.

Por outra parte, desde a formación nacionalista insisten en que é necesario impulsar unha verdadeira política industrial que “poña en marcha as enormes capacidades e potencialidades” de Vigo, a súa comarca e o conxunto de Galiza. Aliás, insisten en demandar unha aposta clara polo I+D+i no camiño de construír un tecido produtivo “con futuro e con condicións laborais dignas”, no que Igrexas reitera que Vigo “pode e debe ser a capital galega da innovación, a tecnoloxía e as comunicacións”.