O Bloque demanda a Xunta que cumpra o seu compromiso de remodelar as pistas de atletismo de Balaídos

bng pistas atletismo
bng pistas atletismo

A formación presentou unha proposición non de lei, que será debatida no Parlamento galego, urxindo a poñer fin ao abandono destas instalacións deportivas.

O Bloque demanda a Xunta que cumpra o seu compromiso de remodelar as pistas de atletismo de Balaídos

O responsábel local do BNG de Vigo, Serafín Otero, e o deputado no Parlamento galego, Luís Bará, visitaron esta mañá as instalacións das pistas de atletismo de Balaídos. Alí constataron, en palabras de Bará, “a imaxe lamentábel” das pistas e “as graves deficiencias que dificultan a práctica deportiva”. Para Otero a situación destas instalacións é reflexo da “nula política deportiva” do Goberno municipal. “As pistas padecen o total abandono que padece o conxunto do deporte de base da nosa cidade”, denunciou o dirixente nacionalista quen contrapuxo a “falla de apoio e de investimentos” do actual Goberno coa “aposta decidida do Bloque en favor do deporte vigués, cando fomos goberno e tamén desde a oposición”.

A situación do estadio de atletismo ten sido obxecto de reiterada crítica e denuncia por parte dos e das deportistas e é, para a fronte nacionalista, “impropia dunha cidade que presume do apoio do deporte”. Neste sentido, denuncian o deterioro do ximnasio, vestiarios, almacéns e baños e o pésimo estado das gradas. Aliás, a inexistencia dun módulo cuberto que impide adestrar en días de choiva, e o pésimo estado de conservación do anel atlético, tanto de pistas como de tartán, engádense á falla de mantemento e limpeza das instalacións e a redución do seu horario de apertura. 

Para resolver esta situación, o BNG demanda da Xunta de Galiza que execute “canto antes” o seu compromiso de remodelar as pistas de atletismo, subscrito polo goberno de Feixóo en 2014. Así se recolle nunha proposición non de lei presentada polo deputado Luís Bará e na que se insta á Xunta a “dar cumprimento inmediato do compromiso adquirido co Concello de Vigo para a remodelación das pistas de atletismo de Balaídos que contempla as seguintes actuacións: arranxo do baixo grada, novo ximnasio e vestiarios; Torre de control e oficinas administrativas; Construción dun módulo cuberto e reforma integral do anel atlético”.

As nacionalistas lamentan ademais que a confrontación partidista estea a dilatar a execución dunhas obras que se precisan coa máxima urxencia. “Estamos nun novo capítulo do enfrontamento constante entre Xunta e Concello que está paralizando a cidade”, criticou Bará. “Uns por outros e as pistas seguen abandonadas”, remachou.