O BNG demanda á Xunta que actúe para garantir o emprego en Maderas Iglesias

Luís Bará, Pedro Pereira e Serafín Otero mantiveron un encontro co Comité de Empresa
Luís Bará, Pedro Pereira e Serafín Otero mantiveron un encontro co Comité de Empresa

_O deputado nacionalista, Luís Bará, presentou varias iniciativas no Parlamento galego.

_O Bloque mantivo un encontro con representantes do Comité de Empresa e da CIG-Construción.

O BNG demanda á Xunta que actúe para garantir o emprego en Maderas Iglesias

O BNG demanda que a Xunta adopte medidas concretas coa propiedade da empresa Maderas Iglesias, destinadas a evitar a destrución de emprego e o respeito aos dereitos laborais. Así se recolle nunha proposición non de lei, presentada esta mañá en rolda de prensa polo deputado do BNG, Luís Bará, e que será debatida no Pleno do Parlamento galego do próximo mércores.

Bará, canda os responsábeis locais do BNG do Porriño, Pedro Pereira, e de Vigo, Serafín Otero, mantivo un encontro na cidade olívica con representantes do Comité de Empresa e da federación da Construción da CIG. No encontro, a fronte nacionalista trasladoulle ao cadro de persoal o seu compromiso na procura dunha saída que asegure a continuidade da actividade e do emprego. 

Maderas Iglesias foi un dos maiores produtores mundiais de tarima flotante e chegou a empregar máis de 800 persoas, que na súa maioría (80%) eran mulleres. No entanto, a empresa, que conta con centros de produción no  Porriño e en Mos, conta arestora cun plantel de apenas 253 traballadores e traballadoras. Após enfrontar dous procesos concursais e sete expedientes de regulación de emprego, a situación do persoal comeza a ser moi preocupante, con empregados e empregadas que xa consumiron máis de 400 días da súa prestación por desemprego.  Desde o Comité de Empresa informaron de que se presentaron varias reclamacións diante das autoridades denunciando que non se respectan as condicións do ERE nin os calendarios de vacacións e festivos. Aliás, os seus salarios acumulan unha importante perda de poder adquisitivo, ao só ter aumentado un 0,75% nos últimos oito anos. Denuncian tamén o impago de pagas extras e atrasos nas nóminas. 

Diante desta situación o BNG urxe ao Goberno galego a actuar, no marco das súas competencias, para evitar que a ameaza de feche que paira sobre a empresa se poida materializar.