O BNG pide “pararlle os pés a Audasa” na AP-9

Xoán Carlos González, Luís Bará e Serafín Otero comparecendo en rolda de prensa.
Xoán Carlos González, Luís Bará e Serafín Otero comparecendo en rolda de prensa.

_O deputado Luís Bará presentará no Parlamento galego unha batería de medidas en contra da suba das peaxes e exixindo un control efectivo da concesionaria.

_Serafín Otero responsabiliza a Xunta e Fomento do que cualifica de “estafa” e denuncia a falla de acción do Goberno municipal de Vigo.

_O voceiro do BNG de Redondela urxe a execución das actuacións compensatorias nas parroquias afectadas, e singularmente en Chapela.

O BNG pide “pararlle os pés a Audasa” na AP-9

O Bloque Nacionalista Galego levará ao pleno do Parlamento galego de mañá, martes 19, unha moción con medidas que perseguen “pararlle os pés a Audasa” no referido á xestión da autoestrada AP-9. A iniciativa, presentada polo deputado Luís Bará, inclúe a oposición “rotunda” á suba das peaxes prevista para o vindeiro ano, urxe que se executen as actuacións compensatorias nas parroquias afectadas polas obras de ampliación e exixen un control efectivo da concesión. “A nosa aposta é clara: unha AP-9 galega e libre de peaxes”, resumiu Bará na rolda de prensa realizada esta mañá, na que o deputado compareceu canda o responsábel local do BNG de Vigo, Serafín Otero, e mais o voceiro municipal da fronte nacionalista en Redondela, Xoán Carlos González.

“A historia da AP9 é a historia dun espolio, dun saqueo e dun roubo legalizado polos sucesivos gobernos estatais e da complicidade do PP na Xunta”, desta maneira resumiu Luís Bará as últimas medidas adoptadas en relación á autoestrada. Bará volveu denunciar o veto “infame” á transferencia da competencia de xestión por parte do Estado en favor do goberno galego. Aliás, o deputado puxo o foco nos beneficios millonarios que a empresa concesionaria, Audasa, obtén pola xestión privatizada desta infraestutura estratéxica.  “En 2016 tiveron uns beneficios netos de 46 millóns de euros, que na súa meirande parte van parar a empresas estranxeiras, e singularmente ao fondo voitre norteamericano Capital Corsario. Ademais a empresa presume de que vai ingresar até 2048  máis de 4 mil 700 millóns de euros, dos que prevén que 1.500 millóns sexan beneficios”, explicou. 

Suba das peaxes

Unha situación de “espolio” que se agravará por un novo aumento dos custes. “O anuncio da suba das peaxes a partir do 1 de xaneiro nun 3,81% engádese ao incremento do 36% nos últimos 7 anos, cando o IPC aumentou nese período subiu o 9,8%”, denuncian. “O BNG opoñémonos rotundamente a esta suba abusiva das peaxes, pensamos que hai outras fórmulas, que se deben renegociar os convenios e que o Estado debe asumir eses incrementos e que se aproben bonificacións para persoas usuarias e o transporte de mercadorías” defendeu Bará. “Pedimos tamén que se acaben as prebendas das que se beneficia a concesionaria, como a bonificación dun 95% no IBI nos concellos que atravesa”, acrecentou.

A suba das peaxes é especialmente inxusta toda vez continua a empeorar o servizo prestado pola concesionaria, e que desde o Bloque resumen no feito de se teren destruído 85 empregos nos últimos dez anos e que se rexistre un menor gasto en matemento, ou as recorrentes retencións e atascos. Para “pararlle os pés a Audasa” a moción nacionalista recolle unha serie de medidas concretas, como son o aumento do cadro de persoal, un protocolo de actuación en caso de retención, que estabeleza que no caso dunha retención de máis dun quilómetro se levanten as barreiras e que, dunha vez por todas,, se apliquen expedientes sancionadores polos incumprimentos.

En chave local, o responsábel do BNG na cidade de Vigo, Serafín Otero, cualificou como “unha estafa máis que temos que aturar Vigo e a súa contorna” esa suba das peaxes. “Pola importancia da AP9 este medida supón unha nova lousa, nun contexto de crise económica e de empobrecemento salarial”, advertiu Otero quen lembrou que “non temos vías alternativas”. Ademais, Otero para alén de responsabilizar desta situación ao Ministerio de Fomento e Xunta denunciou a “inacción do Goberno municipal diante deste grave problema”. “Instamos ao Concello a que faga o que ten que facer”, remachou.

Obras de Rande

A xestión das obras de ampliación da Ponte de Rande tamén mereceron unha dura crítica por parte da formación nacionalista.  “Parécenos un escándalo o que está a pasar nas obras de ampliación, que se están a realizar a un ritmo infernal, con horarios de traballo intensísimos, provocando situacións de risco tanto para traballadores como para persoas usuarias, e todo porque está a primar o interese o lucro da concesionaria que acelera as obras para poder repercutir a suba da peaxe o 1 de xaneiro” reprochou Luís Bará. Diante desta situación “extremadamente grave”, o BNG é partidario de que o Ministerio de Fomento non recepcione as obras até que non se dean plenas garantías e se executen as actuacións compensatorias nas parroquias afectadas, que se avance na conversión en tramo urbano desde as Torres de Padín en Vigo, e se suprima a peaxe.

Xoán Carlos González, concelleiro do BNG en Redondela, lembrou que hai meses o BNG xa propuxo un “plan Chapela” destinado a compensar os efectos negativos que a obra de ampliación da AP-9 tivo para a veciñanza da parroquia de Chapela, con medidas de carácter dotacional, melloras en infraestruturas ou a supresión da peaxe. “Denunciamos que o alcalde de Redondela estivo a manipular a veciñanza, cunha presunta comisión de seguimento que non logrou ningún tipo de compromiso por parte de Fomento nin das concesionaria”, afirmou González, poñendo o foco nas promesas incumpridas polo Partido Popular. A fronte nacionalista chama a cidadanía a se revolver a través da mobilización.