O BNG pon en marcha en Vigo a campaña nacional contra o "espolio e a estáfa eléctrica"

  •  A fronte nacionalista demanda unha tarifa eléctrica galega, a supresión dos suplemenetos territoriais a redución do IVE ao 4%.
  • O candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, participou da mesa de recollida sinaturas no Calvario e demandou o aumento das partidas municipais destinadas a axudas de emerxencia e a creación dunha oficina municipal de asesoramento enerxético.
O BNG pon en marcha en Vigo a campaña nacional contra o "espolio e a estáfa eléctrica"

Cunha mesa de recollida de sinaturas diante do mercado do Calvario, o BNG puxo en marcha esta mañá na cidade de Vigo a campaña que está a desenvolver a nivel galego en contra do "espolio e estafa eléctrica". Durante unha hora recolléronse máis de medio millar de sinaturas exixindo unha tarifa eléctrica galega, a supresión dos suplementos territoriais que grava a factura eléctrica, a redución do IVE que se lle aplica ao subministro eléctrico do 21% ao 4%. Aliás, na campaña promovida pola formación nacionalista demándase que non se permita o corte do subministro ás persoas que por razóns económicas non poidan pagar e a a creación dunha empresa pública galega que integre os encoros que remataron o período de concesión para "socializar" os rendementos económicos.

"Galiza somos un produtor neto de enerxía, porén, as galegas e os galegos vemos como o recibo eléctrico aumentou o seu custe máis dun 8% no último ano. Desde 2010 a factura dun ben básico como a electricidade subiu máis do 30%", denunciou o candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas que participou da recollida de sinaturas.

calvario02"A enerxía eléctrica é un servizo básico que ademais se xera cos recursos naturais de todo o pobo galego, e por iso a aposta estratéxica do BNG é facer da enerxía un ben público, baixo control público para o colocar en beneficio das galegas e dos galegos e non dun oligopolio privado, que o único que quere é facer negocio e lucrarse e que non ten reparos en deixar sen luz a quen non pode pagala", acrecentou Igrexas.

Axudas sociais e oficina de asesoramento enerxético

En chave local, o candidato nacionalista volveu demandar un "aumento substancial das axudas sociais, tanto as axudas de emerxencia como do cheque social". Neste sentido, lembrou como arredor de 1.100 viguesas e vigueses quedaron sen recibir ningunha axuda municipal este ano. Por outra parte, Igrexas propuxo a creación dunha Oficina municipal de asesoramento enerxético, como instrumento para que Concello de Vigo "se poña do lado da veciñanza fronte os abusos das eléctricas", ofrecendo asesoramento e apoio, tamén a nivel legal, e orientando á cidadanía para poder beneficiarse de fórmulas que abaraten o seu recibo eléctrico. 

A campaña continuará a desenvolverse nas próximas semanas noutros puntos da cidade e da comarca.

O BNG pon en marcha en Vigo a campaña nacional contra o "espolio e a estáfa eléctrica"