INDUSTRIA

O BNG propón un ‘plan de choque’ para frear a deslocalización no sector da automoción

Serafín Otero e Luís Bará con representantes sindicais da automoción
Serafín Otero e Luís Bará con representantes sindicais da automoción

_O deputado Luís Bará mantivo un encontro con representantes sindicais do sector.

_Demandan ao goberno galego que actúe con dilixencia para asegurar o futuro da industria automotriz.

O BNG propón un ‘plan de choque’ para frear a deslocalización no sector da automoción

O BNG propón que o goberno galego adopte un ‘plan de choque’ para poñer freo á deslocalización que ameaza o sector da automoción. Así llo trasladou esta mañá o deputado nacionalista, Luís Bará, a representantes sindicais do sector. No encontro, no que tamén participou o responsábel local do Bloque, Serafín Otero, a fronte nacionalista urxiu a Xunta a adoptar medidas concretas para asegurar a continuidade dun sector estratéxico, e o mantemento de emprego de calidade e con dereitos.

A través dunha moción presentada no Parlamento Galego, a fronte nacionalista reclama que se elabore unha “Estratexia de potenciación do sector da automoción” contando coa participación das organizacións sindicais. Esa estratexia, en opinión das nacionalistas, debería incluír como mínimo dúas grandes liñas de actuación. Dunha banda promover o I+D+i, potenciando a colaboración entre empresas, universidades e centros tecnolóxicos. Doutra, estabelecer unha liña de axudas que estean ligadas ao mantemento dos postos de traballo, e condicionadas a que se garantan os dereitos laborais e a permanencia dos centros produtivos en Galiza.

O deputado Luís Bará explicou que a iniciativa nacionalista demanda tamén unha redefinición da política de chan industrial e a súa oferta a prezos competitivos. Ademais, propoñen que se axilicen e simplifiquen os tramites administrativos,  a través dunha ‘xanela única’ que dinamice a posta a disposición do chan industrial e a mellora da competitividade do sector.

WhatsApp Image 2017-03-16 at 11.11.01

 

Por outra parte, a moción propón que se lle encomende ao Consello Económico e Social que avalíe a incidencia da deslocalización na economía galega e recolla nun informe as axudas outorgadas nos últimos 8 anos ás empresas do sector da automoción e a evolución, nese mesmo período, dos seus cadros de persoas e horas de contratación. Así mesmo, o BNG volve demandar a posta en marcha dunha tarifa eléctrica galega para a produción industrial. Medida coa que, defenden, se compensaría en forma de abaratamento  na factura a condición de produtores excedentarios de enerxía eléctrica.  

O responsábel local do BNG en Vigo, Serafín Otero, demandou ao Goberno galego que actúe con dilixencia para asegurar a viabilidade do sector e evitar que aconteza na automoción o mesmo que sucedeu na construción naval, advertindo do risco real dunha desertización industrial.