O BNG proporá no Parlamento galego un "Plan Vigo 2020" para poñer fin ao abandono da Xunta

plan vigo
  • A proposta, que promove o deputado nacionalista, Luís Bará, recolle as principais reivindicacións da cidade en diferentes ámbitos.

  • Igrexas: "A lea de Feixóo con Caballero non pode ser unha coartada para abandonar a principal cidade de Galiza"
O BNG proporá no Parlamento galego un "Plan Vigo 2020" para poñer fin ao abandono da Xunta

VIGO, 10 de outubro de 2019.- O Bloque Nacionalista Galego volverá reclamar a fin da "política de total abandono" que a Xunta do Partido Popular aplica na cidade de Vigo. Farao propoñendo no Parlamento de Galiza a posta en marcha do que denominaron "Plan Vigo 2020", unha iniciativa na que se recolle unha ampla relación de cuestións desatendidas polo executivo de Núñez Feixóo en doce ámbitos diferentes, que van desde as políticas sociais até as infraestruturas.

"Diante do total abandono que practica a Xunta do Partido Popular en contra da principal cidade de Galiza, o BNG demandamos que se atendan as necesidades de Vigo con compromisos políticos que teñen que recollerse nos orzamentos da Xunta do próximo ano 2020", explicou o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas. "A lea partidista entre Feixóo e Caballero non pode ser coartada para que se ignoren as necesidades dunha cidade na que vivimos e traballamos preto de 300 mil galegos e galegas", reprochou Igrexas quen exixiu do Goberno galego que exerza as súas competencias en Vigo. "O que é claro é que nesta confrontación estéril entre Concello e Xunta quen perde seguro é a cidade", remachou.

O deputado Luís Bará será o encargado de presentar a proposición no Parlamento, e na comparecencia desta mañá co portavoz municipal da fronte nacionalista, lamentou a "falla de visión e de planificación", demandando un "compromiso claro da Xunta con Vigo". "Entendemos que non se trata apenas de medidas orzamentarias, senón dun compromiso político, institucional e tamén de abrir un proceso de diálogo, de cooperación e de coordenación entre Concello e Xunta"", acrecentou.

Demandas

O Plan Vigo 2020 recolle medidas concretas en doce ámbitos de acutación. Entre elas salientan o reclamo de que se poña en marcha a área metropolitana, a incoporación da cidade de Vigo no transporte metropolitano ou un Plan de Reindustrialización da comarca de Vigo, para o que as nacionalistas piden a "intervención pública directa" que asegure o futuro de actividades "estratéxicas" como a construción naval e a automoción. Tamén demandan actuacións concretas como a construción dun instituto en Navia, a recuperación do proxecto orixinal para o centro de saúde de Bouzas, ou a ampliación das prazas públicas de escolas infantís, centros de día e residencias de maiores na cidade.

No capítulo infraestrutural, o Bloque aposta por desenvolver todas as potencialidades da Plisan, dotar de conexión ferroviaria a terminal portuaria de Bouzas, ou desbloquear proxectos longamente demandados como o tunel de Xulián Estevez ou a prolongación do tunel do Berbés. Tamén reivindican a mellora da rede de abastecemento de auga, que se complete a rexeneración integral da Ría de Vigo ou que se brinde un apoio "decidido e real" ao Campus do Mar na ETEA.

O BNG proporá no Parlamento galego un "Plan Vigo 2020" para poñer fin ao abandono da Xunta