SANIDADE PÚBLICA

O BNG recolle as reivindicacións do persoal sanitario dos PAC

Montse Prado e Serafín Otero xunto a representantes do persoal diante do PAC de Vigo
Montse Prado e Serafín Otero xunto a representantes do persoal diante do PAC de Vigo

_ A fronte nacionalista levará a totalidade da súa táboa reivindicativa ao Parlamento galego.

_A deputada Montse Prado denuncia os “brutais recortes” do Partido Popular na atención primaria.

O BNG recolle as reivindicacións do persoal sanitario dos PAC

O BNG mantivo esta mañá un encontro na cidade de Vigo con representantes do persoal sanitario dos Puntos de Atención Continuada (PACs) do Sergas, que desde hai meses se mobilizan para reclamar mellores condicións laborais e asistenciais. En comparecencia pública ás portas do PAC da cidade de Vigo, a deputada Montse Prado, que estivo acompañada polo responsábel local do BNG, Serafín Otero, expresou publicamente o total apoio do BNG ás demandas deste colectivo.  “Imos dar traslado ao Parlamento galego toda a súa táboa reivindicativa, porque nos parece xusta. A inmensa maioría das cuestións que reclaman teñen a ver coa mellora da calidade asistencial”, explicou Prado.

O funcionamento dos PACs é para a fronte nacionalista un aspecto esencial na atención primaria e, polo tanto, ten un impacto real na calidade da asistencia sanitaria que se presta á poboación. Neste sentido, Prado expresou que “levamos moito tempo preocupadas pola situación do persoal sanitario, un persoal que leva feito moitos esforzos para que a situación de deterioro da sanidade pública teña as menores consecuencias posíbeis para as persoas”. A este respeito, a deputada lembrou como a chegada do Partido Popular ao goberno galego supuxo poñer en suspenso os acordos atinxidos en 2008 e que de se teren aplicado suporían unha mellora substancial da atención primaria, e de maneira singular o reforzamento dos PACs. “Vemos como o mesmo Partido Popular que proclama a saída da crise se nega unha e outra vez que esa presunta mellora se traduza na recuperación de dereitos do persoal do Sergas”, denuncia.

Condicións insoportábeis

“O persoal dos PACs, tanto médicos e médicas como persoal de enfermería, traballan nunha situación de estrés permanente que é insostíbel”, advirten desde o BNG poñendo o foco na falla de medios persoais e o continuado aumento da carga de traballo. 

“Lamentamos que a atención primaria, que podería resolver unha parte importante das cuestións sanitarias, sexa onde o PP teña feito máis recortes nos últimos anos, por acima mesmo da media dos recortes no conxunto da sanidade”, critica Prado. “Con recortes non pode haber unha atención primaria en condicións”, enfatiza.

O médico Carlos Gavián, que traballa nun PAC, lembrou que este servizo asume entre o 60 e 70 por cento da carga asistencia da atención primaria, realizándose a meirande parte en horario nocturno, e que levan máis dunha década desde hai dez anos. Gavián, en nome do colectivo de traballadoras e traballadores dos PAC, expresou o seu agradecemento ao BNG por facerse eco das súas reivindicacións que, salienta, o que perseguen fundamentalmente é mellorar a atención que se brinda desde a sanidade pública galega.