O BNG reitera a súa preocupación pola inacción da Xunta diante da situación límite de Vulcano

[Imaxe: Atlántico]
[Imaxe: Atlántico]

O candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, manterá nos próximos días unha xuntanza co Comité de Empresa da factoría para analizar a situación.

A formación nacionalista urxe a Xunta a tomar medidas concretas para asegurar a continuidade do estaleiro e o mantemento do emprego. 

 O BNG reitera a súa preocupación pola inacción da Xunta diante da situación límite de Vulcano

O BNG vén de reiterar a súa preocupación ante a grave situación de impago que sofren desde hai varios meses os traballadores e traballadoras de Vulcano, así como pola “situación límite”, en termos financeiros, que atravesa a factoría e que ameaza a súa continuidade.  “Desde o BNG temos unha enorme preocupación pola situación límite que está atravesando o estaleiro, un dos máis emblemáticos e históricos da nosa cidade”, afirmou o candidato nacionalista á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas. Igrexas considera que a situación é insostíbel e demanda que a Xunta ten que poñer os medios para solucionala. “Vimos de presenciar o enésimo expediente de regulacion de emprego hai unha falta de financiamento que está a ameazar a continuidade da actividade de Vulcano e do seu plantel sen que ninguén faga nada”, denuncia. 

Insiste Igrexas en que a cidade enfronta unha situación de desemprego insostíbel e que a falla dunha verdadeira política industrial a nivel galego imposibilita o crecemento da actividade. “Volvemos constatar, máis unha vez, que ante a desertización industrial e produtiva que está a padecer a nosa comarca, a actitude da Xunta é ollar para outro lado", di, e denuncia que o goberno galego do Partido Popular non está a tomar a serio a situación límite na que se atopan os traballadores e as traballadoras que levan varios meses sen cobrar os seus salarios: “A Xunta de Feixóo non toma medidas reais nin efectivas, non ofrece compromisos claros para garantir o futuro do sector naval”, denuncia Pérez Igrexas. “Cando está en risco o emprego dun sector estratéxico para Vigo como é o naval, o goberno galego ten que poñer todos os medios económicos, administrativos e legais, para asegurar desde a iniciativa pública o emprego e o dereito a producir”, remacha o candidato nacionalista. 

Comité de Empresa
Ante esta situación crítica a fronte nacionalista solicitou unha xuntanza coa representación sindical do plantel da factoría. “Temos previsto manter unha xuntanza co Comité de Empresa de Vulcano co obxecto de poñer en común a análise da situación que atravesa o estaleiro e as alternativas”, explicou Igrexas. O encontro materializarase nos próximos días.