O BNG propón elaborar un novo Regulamento de Participación Cidadá na súa primeira moción do mandato

rolda concello

O concelleiro Xabier P. Igrexas advirte que “non se pode gobernar de costas á veciñanza” e reclama que “non escoitar deixe de ser unha opción”. 

A moción demanda a implementación dos orzamentos participativos xa para as contas de 2020

O BNG propón elaborar un novo Regulamento de Participación Cidadá na súa primeira moción do mandato

A mellora da participación cidadá no Concello. Esa cuestión é a que o Bloque Nacionalista Galego aborda na primeira moción que presentarán no Pleno este mandato. O concelleiro Xabier P. Igrexas demandará un novo Regulamento de Participación Cidadá así como tamén a reforma do Regulamento Orgánico do Pleno para facer que a cidade avance cara a unha democracia municipal “real e efectiva”.

“Unha democracia efectiva e plena ten que permitir a participación directa e protagónica da cidadanía na toma de decisións, sen limitar esta á participación nos procesos electorais. No ámbito municipal, por ser o máis próximo, ese principio tórnase unha necesidade imperativa que ademais nos últimos anos ten constituído unha reiterada e enfática demanda social” explican na moción. A fronte nacionalista tenta desta maneira reconducir a situación vivida nos últimos anos nos que se produciu “un importante retroceso no referido a promover a activa participación cidadá, sendo patente a nula disposición ao diálogo por parte do Goberno e a laminación daqueles colectivos e entidades que se amosan críticos coa súa xestión”.

“Nós non lle temos medo á xente, como parece que si lle ten o actual Goberno. Construír a cidade é unha tarefa de todas e todos, e BNG queremos que se conte con todas as viguesas e con todos os vigueses para definirmos conxuntamente o modelo de cidade”, resumiu o concelleiro nacionalista, que lembrou que a responsabilidade do Concello é “facer cidade non apenas para as 100 mil persoas que votaron polo grupo de Goberno, senón para as case 300 mil que vivimos e traballamos en Vigo”.

Novo Regulamento de Participación Cidadá

Igrexas enfatizou que non se pode gobernar “de costas á veciñanza” e apostou por lograr que “escoitar deixe de ser opcional, para se converter nunha obriga de todo Goberno”. Para iso, na moción nacionalista propoñen que se elabore un novo Regulamento de Participación Cidadá. Ese novo instrumento debera permitir a revitalización dos consellos sectoriais municipais existentes, así como a creación daqueles que foren precisos, mais “configurándoos como espazos efectivos para a codecisión, dotándoos de competencias claras e asegurando a súa convocatoria regular”.

Nese mesmo sentido, o Bloque defende a creación dos Consellos Veciñais de Barrio ou Parroquia, así como que se obrigue o Goberno a consultar ao tecido asociativo no deseño, execución e avaliación dos investimentos. A mellora dos medios de acceso público á información municipal, aumentar os locais municipais destinados a uso asociativo, avanzar na descentralización administrativa e no alargamento de servizos municipais nos barrios e parroquias, son outras das cuestións que en opinión de Igrexas deben ficar recollidas no novo Regulamento.

O edil nacionalista tamén propón que se regulamente de maneira especifica a concesión e o control das subvencións públicas, a través dunha Comisión Mixta, coa participación de toda a Corporación. “Non podemos seguir tolerando que se utilicen os recursos públicos para premiar os afíns ou castigar a quen discrepa”, advirte.

Orzamentos participativos

Un dos aspectos fundamentais da proposición nacionalista ten a ver coa implementación dos orzamentos participativos, para o que reclaman que xa nas contas de 2020 se reserve unha partida no capítulo de investimentos para a posta en marcha dun proxecto piloto co que os colectivos sociais e o conxunto da veciñanza poidan decidir o uso e aplicación da mesma. “Os orzamentos son a principal decisión dun Concello, e a decisión sobre en que e de que maneira gastamos o diñeiro de todas e todos non pode tomarse so coa opinión dun único partido político como aconteceu nos ultimos anos”, explicou o portavoz nacionalista.

Aliás, a moción promoverá tamén a reforma do Regulamento Orgánico do Pleno para facilitar a promoción de iniciativas populares e a intervención de asociacións e colectivos nas sesións plenarias, así como para propiciar unha mellor representación da pluralidade política aumentando o dereito dos e das concelleiras das diferentes formacións políticas no referido á presentación de iniciativas (mocións, preguntas e rogos).

O BNG propón elaborar un novo Regulamento de Participación Cidadá na súa primeira moción do mandato