O BNG demandará no Congreso un compromiso real no combate contra a pobreza e o empobrecemento

BNG encontro Os Ninguens 230419

O candidato número 2 ao Congreso, Xésus López Carreira, trasladoulle ao Colectivo Os Ninguéns as principais propostas en materia de política social.
O Bloque defenderá a creación dun “ingreso mínimo vital” que permita garantir a subsistencia de todas as persoas. 

O BNG demandará no Congreso un compromiso real no combate contra a pobreza e o empobrecemento

O candidato número dous do BNG ao Congreso por Pontevedra, o vigués Xesús López Carreira, e mais o candidato nacionalista á alcaldía, Xabier P. Igrexas, mantiveron esta mañá unha xuntanza co colectivo Os Ninguéns para abordar as propostas en materia de política social. No encontro, BNG e colectivo intercambiaron opinións e propostas sobre cales son as mellores alternativas na loita contra a pobreza e a exclusión e puxeron enriba da mesa propostas reais para conseguilo. 

Unha das propostas nas que tanto o colectivo Os Ninguéns como o Bloque  están de acordo é na idea de que ten que haber un sistema público de pensións que garanta unha pensión mínima igual ao salario mínimo interprofesional, unha cuestión de máxima urxencia. Pero tamén coincidiron en que ten que haber unha loita activa contra a precarización laboral. “O voto decisivo do BNG no Congreso a partir do vindeiro 28A exixirá do novo Goberno español un compromiso real para combater a pobreza e o empobrecemento”, explicou López Carreira. 

Insistiron as nacionalistas tamén na necesidade de impulsar a oferta de vivenda en réxime de alugueiro social, pois un dos maiores problemas da cidade é o enorme número de persoas que dormen a diario na rúa por non ter acceso a un dos dereitos básicos de todo cidadá como é o acceso a unha vivenda digna. Neste sentido, quixo recordar López Carreira que a diario hai centos de persoas en risco ou situación de exclusión social na cidade olívica que quedan á marxe da sociedade e non poden participar plenamente dela, algo que os afasta da oportunidade de ter emprego, xerar ingresos, acceder a formación e educación ou participar de actividades e redes comunitarias. 

A este respeito a fronte nacionalista achegou que ten que haber un ingreso mínimo vital que estea en consonancia co índice do Arope, o indicador que emprega a Unión Europea para medir a pobreza e a exclusión social e que ten como referentes a carencia material, a baixa intensidade de traballo no fogar e a propia pobreza. Tamén trasladou a fronte que hai que evitar “o desafiuzamento das persoas que teñen dificultades económicas e que teñen como única vivenda esa na que están”, xa que non é humano botar da casa a unha persoa con mínimas ou nulas posibilidades de sustento. 

Humanizar Vigo de verdade

De por parte, o candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, reiterou a súa aposta en “humanizar de verdade a cidade” despregando unha política social que enfronte a situación de “emerxencia social” que padece Vigo. “Con 61 mil persoas en risco de exclusión e con preto dun millar de persoas sen teito, non podemos falar dunha cidade humanizada mentres non garantamos que ningunha persoa queda tirada por falla de axuda pública”, defendeu. 

Pérez  Igrexas denunciou que os datos da atención do albergue municipal, nos que se recolle que só esta dotación -con 48 camas- atendeu a 600 persoas diferentes ao longo do ano pasado, “deixan en evidencia a falla de política social do actual Goberno municipal”. “En lugar de gabarse de sermos unha cidade top polas luces de nadal, eu preferiría que puidésemos dicir que en Vigo ninguén durme na rúa por falla de alternativa habitacional”, reprochou lembrando a insuficiencia manifesta do actual albergue. 

O BNG demandará no Congreso un compromiso real no combate contra a pobreza e o empobrecemento