O BNG presenta queixa polo novo regulamento do Pleno ao Valedor do Cidadán

O BNG presenta queixa polo novo regulamento do Pleno ao Valedor do Cidadán

 

_A fronte nacionalista denuncia diante da institución que dirixe Luís Espada o carácter antidemocrático e opaco da modificación aprobada en solitario polo PSOE

 

 

[Relacionado] O BNG defende reducir a 5.000 as sinaturas para que a veciñanza poida propor iniciativas ao Concello

 

plenovigoVIGO, 4 de xuño de 2016.- O BNG de Vigo presentou esta mañá unha queixa formal ao Valedor do Cidadán do Concello de Vigo a respecto do novo regulamento orgánico do Pleno, aprobado definitivamente o pasado día 30. No escrito asinado polo responsábel local da formación nacionalista, Serafín Otero, denuncian diante da institución que dirixe Luís Espada o carácter antidemocrático e opaco da modificación aprobada en solitario polo grupo de goberno. Demandan do Valedor que elabore un informe avaliando o impacto no relativo á participación cidadá e a transparencia, da referida modificación e que inste instando a Corporación Municipal a súa rectificación naqueles aspectos que “supoñan reducir a participación, dificultar a información, opacar a xestión municipal e impedir a súa fiscalización política e veciñal, tomando como referencia as recomendacións en materia de transparencia e bo goberno da Federación Galega de Municipios e Provincias e outras institucións e organismos equivalentes”.

 

 

 

«A participación e a transparencia son para nós elementos irrenunciábeis para poder falar dunha verdadeira democracia municipal» Serafín Otero

 

 

 

“Entendemos que diante deste brutal recorte en dereitos democráticos e transparencia, perpetrado polo grupo de goberno, o Valedor do Cidadán debe intervir para frear a deriva autoritaria que Abel Caballero ten iniciado nos últimos anos”, explica Serafín Otero. O dirixente nacionalista reitera que “o BNG non imos ficar de brazos caídos fronte o intento de converter unha maioría absoluta nunha ditadura romana amordazado a veciñanza e as forzas da oposición”. “A participación e a transparencia son para nós elementos irrenunciábeis para poder falar dunha verdadeira democracia municipal”, asegura Otero lembrando que o nacionalismo foi o motor dos principais avances nesta materia, como no caso da aprobación do vixente regulamento de participación cidadá.

No escrito o Bloque denuncia que “a modificación do articulado aprobada supón unha severa restrición da participación cidadá e da capacidade de fiscalización da acción de goberno, tanto por parte dos grupos municipais da oposición como pola veciñanza, o que na práctica pode supor a vulneración de dereitos fundamentais como o de liberdade de expresión”. Lembran ademais que a mesma só contou co apoio do PSOE e que na súa tramitación se rexeitou a práctica totalidade das emendas e alegacións formuladas, incluídas as 15 presentadas polo BNG.

A queixa chama a atención sobre os cambios introducidos referidos ao idioma oficial do pleno, a limitación no acceso a expedientes municipais, o número de edís exixido para constituír grupo municipal, a non garantía de que os grupos dispoñan dun espazo de traballo no Concello, a prohibición ao público de portar carteis, a exixencia de autorización de Alcaldía para que os medios de comunicación poidan gravar a sesión, a posibilidade de que se poida suspender o dereito a asistir aos plenos a unha persoa expulsada durante catro meses e o aumento do 8 ao 10% do censo para promover unha iniciativa cidadá.

 

[DESCARGA] Escrito de queixa ao Valedor do Cidadán