PORTO CABRAL IMPLICA DESTRUCIÓN DE 6.000 POSTOS DE TRABALLO E A IMPORTACIÓN DUN MODELO FRACASADO

O comercio de proximidade é un grande dinamizador nas cidades, crea emprego e dá vida aos barrios

Pontón e Otero coa presidenta da Asociación de Comerciantes do Calvario, Encarna Álvarez
Pontón e Otero coa presidenta da Asociación de Comerciantes do Calvario, Encarna Álvarez

Na presentación da campaña de apoio ao pequeno comercio, o BNG anuncia mocións no Parlamento e concellos da área de Vigo para crear o plan sectorial de comercio e unha moratoria ás superficies comerciais, co obxectivo de protexer o comercio local.

O comercio de proximidade é un grande dinamizador nas cidades, crea emprego e dá vida aos barrios

Ana Pontón participou no acto reivindicativo de apoio ao pequeno comercio que se celebrou no barrio do Calvario, onde avanzou que o BNG presentará mocións no Parlamento galego e concellos da área de Vigo para crear o plan sectorial do comercio e unha moratoria ás grandes superficies comercias co fin de protexer o comercio local.

Pontón lembrou que estamos nunhas datas de grande consumo e o comercio de proximidade é un grande dinamizador nas cidades, “crea emprego e dá vida aos barrios” polo que fixo un chamamento a todas as galegos e galegos a “consumir produtos do país pola súa calidade e porque é unha aposta polo noso”.

Pontón denuncia a importación a Vigo dun modelo de grandes áreas comerciais, “fracasado” en A Coruña.

A portavoz do BNG, Ana Pontón, e o responsábel do BNG de Vigo, Serafín Otero, realizaron unha visita a comerciantes do barrio do Calvario para transmitir o apoio do BNG ao comercio de proximidade, e intercambiaron impresións coa presidenta da Asociación de Comerciantes do Calvario, Encarna Álvarez. Pontón e Otero fixeron referencia á grande preocupación das asociacións de comerciantes, “a saturación de áreas comercias”. Sobre esta cuestión, lembraron o macroproxecto de Porto Cabral que implicaría a destrución de máis de 6.000 postos de traballo en Vigo e a importación do “modelo fracasado” da Coruña baseado nas grandes áreas comercias.

“As grandes superficies comerciais benefician aos grandes capitais, crea emprego en precario e destrúe os barrios”

Unha cidade como Vigo conta cun gran potencial no pequeno e mediano comercio, un sector que xera emprego de calidade e dinamiza os barrios e crea riqueza. “As grandes superficies comerciais benefician aos grandes capitais, crea emprego en precario e destrúe os barrios”, concluíu.