O Bloque denuncia o abandono do Centro de Arte Fotográfica de Vigo após 3 anos e medio fechado

Xabier P.Igrexas no acto simbólico en sinal de protesta polo deterioro da rede museística da cidade
Xabier P.Igrexas no acto simbólico en sinal de protesta polo deterioro da rede museística da cidade

“A situación do Cafvi é un exemplo clamoroso da política de desertización cultural que practica o actual goberno municipal”, denuncia o candidato nacionalista á alcaldía, Xabier P. Igrexas.

O BNG lamenta a situación “lamentábel” do conxunto da Rede museística da cidade

O Bloque denuncia o abandono do Centro de Arte Fotográfica de Vigo após 3 anos e medio fechado

O BNG de Vigo realizou esta mañá un acto simbólico de protesta diante do Centro de Arte Fotográfico de Vigo (Cafvi) para denunciar o seu abandono após levar máis de 3 anos e medio fechado e sen actividade. Durante a acción despregaron unha faixa na fachada do emblemático edificio da rúa Chao que alberga o Cafvi co lema “Queremos cultura, non museos baleiros”. A fronte nacionalista quixo denunciar tamén o estado lamentable no que se atopa boa parte da rede museística da cidade que “é un exemplo clamoroso da política de desertización cultural a que estamos sometidos por parte do goberno local”. “Temos unha rede de contedores baleiros de contidos, con horarios de apertura minúsculos e mesmo sen dirección como é o caso do Museo de Arte Contemporáneo ou do Verbum” apuntou o candidato á alcaldía do Bloque, Xabier P. Igrexas.

Igrexas lembrou que o Cafvi foi inaugurado o 7 de maio 2015 e fechado apenas tres meses despois logo de albergar unha pequena exposición cunha escolma fotográfica dos fondos do Arquivo Pacheco. Desta maneira, unha dotación que supuxo un investimento de arredor de 2 millóns de euros leva máis de 3 anos e medio sen ningunha actividade e coas portas fechadas, nun palpábel estado de degradación con pintadas no seu exterior. Diante do “total desleixo municipal” Pérez Igrexas reivindicou que “unha das mellores maneiras de humanizar a cidade é democratizar o acceso á cultura que pasa por unha política na que prime o contido sobre o contedor e facilite o acceso do pobo a todas as manifestacións artísticas”, expón o candidato do Bloque.

A fronte nacionalista chamou a valorizar e impulsar “a enorme forza creativa que ten a cidade, tanto do seu patrimonio fotográfico que representa unha memoria visual do que fomos, como co talento de novos creadores e creadoras na arte fotográfica”, para que demandan a apertura e dinamización do Cafvi.

Unha forza determinante para revitalizar a cultura

O candidato nacionalista recordou que “o estado da Rede museística é un claro exemplo do mal que lle sentou á nosa cidade a maioría absoluta do PSOE en Vigo. Unha maioría tan absoluta como inútil, sen xestión nin proxecto” e insistiu na necesidade de que o BNG volva ser unha forza determinante na nosa cidade. “En Vigo si houbo política cultural no pasado foi grazas ao traballo e o compromiso do BNG e por iso aspiramos a volver ser unha forza decisiva e determinante na cidade para revitalizar a actividade cultural”, acrecentou. “Contamos con millares de persoas que non entenden nin se resignan a aceptar unha política cultural tan pobre e desértica na principal cidade de Galiza”, remachou.