O Bloque denuncia a precariedade do hospital de día do Álvaro Cunqueiro

_Unha enferma de cancro afectada compareceu publicamente, acompañada pola deputada nacionalista Montse Prado, para denunciar a falla de medios e o sufrimento que padecen as persoas enfermas.

_Refiren esperas de moitas horas para recibiren tratamento e mesmo días que marchan sen ser tratadas polo colapso da farmacia e a falla de medios.

O Bloque denuncia a precariedade do hospital de día do Álvaro Cunqueiro

VIGO, 5 de agosto de 2016.- O responsábel local do BNG de Vigo, Serafín Otero, e máis a deputada no Parlamento galego, Montse Prado, compareceron esta mañá en rolda de prensa acompañando a paciente Lourdes Crespo, enferma de cancro e que recebe tratamento no hospital de día do hospital Álvaro Cunqueiro (HAC).

Crespo denunciou a precaria situación que padecen as persoas doentes de cancro da área sanitaria de Vigo, por mor da falla de persoal e do colapso de servizos como farmacia. “Son enferma de cancro e recibo cada semana tratamento de quimioterapia. Cada mércores vou ás 7:30h ao hospital para facer unha análise ás 8. Despois fago tempo até as 10:15h que é cando teño cita en oncoloxía, pero moitas veces acabo entrando en consulta ás 13h.” relatou. “Teño que agardar tres ou catro horas, nunha sala moi pequena ateigada con arredor de 70 persoas, sentada nunha cadeira. Pasas a consulta e vas a outra sala a agardar polo tratamento outra hora e media. Cando te decatas son xa as 14 ou as 15h. E logo inda quedan por diante, no meu caso, cinco horas de tratamento”, acrecentou. A paciente alertou ademais de que “hai días en que despois de toda esa espera, marchas sen o tratamento e tes que volver ao día seguinte” a causa de que a farmacia e as salas de tratamento están saturadas.

Esta situación agrava innecesariamente o sufrimento das persoas enfermas. “Síntome como se non nos deran importancia, como se nos tiveran esquecidos. Para unha persoa enferma esta situación non é normal. Xa o pasamos mal e o que conseguen é o que pasemos peor”. Crespo apontou aos recortes como causa desta deficiente atención, xa que non se dispón do persoal sanitario suficiente.

A deputada do BNG no Parlamento galego, Montse Prado, agradeceu a valentía de Lourdes Crespo por expoñer publicamente a súa denuncia. A deputada asegurou que "é tremendo que máis unha vez teñan que ser as persoas afectadas as que, collendo forzas de onde non as teñen, denuncien a situación na que o Partido Popular ten sometida a sanidade pública".

"Parécenos indecente que a persoas con enfermidades graves, coma un cancro, se lle engada o sufrimento de non se sentiren ben atendidas,malia que os profesionais fan todos os esforzos para tentar suplir as carencias provocadas polos recortes do PP" engadiu. Aliás, Prado contestou os recentes anuncios feitos por parte do presidente da Xunta a respeito da sanidade pública galega, considerando que "Feijóo non pode insultar a intelixencia dos galegos e das galegas, prometendo agora en campaña electoral 5 millóns de euros para rebaixar listas de agarda, ou anunciando unhas axudas para a compra de medicamentos". "Pretenden tapar con propaganda a realidade que viven persoas como Lourdes", enfatizou.

Solucións

O BNG exixen solucións efectivas en lugar de reaccionar apenas con “parches” como se ten feito nos últimos meses cada vez que se denunciou un problema. "A experiencia de persoas como Lourdes desmenten ao xerente Félix Ruibal, ao conselleiro e ao presidente da Xunta, cando se escusan dicindo que só hai problemas puntuais. É unha situación estrutural. Non sabemos que máis ten que pasar para que o PP asuma a situación real."

Para Prado situacións como a que se padece no hospital de día do Álvaro Cunqueiro, que cualificou de “sangrante”, confirman o denunciado reiteradamente polo persoal sanitario e as propias doentes. Ademais, demostran as graves consecuencias da improvisación na posta en marcha do HAC. “É inxustificábel que despois dun ano de se ter iniciado o traslado ao novo hospital, inda se estea licitando agora o laboratorio central de Vigo”, exemplificou.

Desde a fronte nacionalista insisten en denunciaren que “o Partido Popular está xogando coa saúde e coa vida dos galegos e galegas, agravando o seu sufrimento". “Denunciamos a improvisación de poñer en marcha un hospital sen os recursos necesarios, que prima facer caixa da empresa concesionaria sobre a saúde das persoas doentes, a irresponsabilidade de axustaren ao máximo os cadros de persoal, o que impide unha atención sanitaria en condicións"