O BNG critica a desprogramación cultural de Caballero e demanda unhas festas dignas de Vigo

bng vigo
bng vigo

“Queremos unhas festas laicas, diversificadas, que poñan en valor a nosa cultura e conxugue artistas consolidadas con novos valores da cidade”

O BNG critica a desprogramación cultural de Caballero e demanda unhas festas dignas de Vigo

O BNG amosa grave preocupación perante a total ausencia de política cultural do goberno de Abel Caballero e o seu desleixo cara á cultura galega e cara ás creadoras e creadores de Vigo e Galiza. Para o Bloque, as festas do verán de Vigo organizadas polo concello, constitúen una programación absolutamente plana cun enorme desleixo pola cultura propia. “Estamos ante unha programación impersoal que non conta nin coa música feita en Galiza nin co enorme potencial dos grupos musicais da nosa cidade” denunciou Serafín Otero, responsábel local do BNG de Vigo, quen demandou unhas festas diferenciadas, propias e diversificadas. “Coa programación cultural de Caballero, estamos ante unhas festas da España profunda, en lugar de podermos desfrutar dunhas festas galegas, modernas e internacionais”.

Unhas festas propias, cunha programación diversificada, atendendo á multiplicidade de públicos, asentadas no país e na cidade e con proxección internacional, “só así se poden converter en reclamo para o turismo e só así se poden sentir como festas de todas as viguesas e vigueses”, aseguro Otero. O BNG da cidade de Vigo esixe un modelo de festas, ocio e cultura que reflicta un estilo propio e diferenciador” anunciou Serafín Otero, “unhas festas laicas que enchan de novo de vida, cor e son un barrio que todas e todos sentimos como propio, o Casco Vello”, ao tempo que, engadiu “as festas conteñan unha programación descentralizada que chegue todos os rincóns da nosa cidade”.

Nese sentido, desde o Bloque Nacionalista Galego demandouse que a programación cultural de Vigo promocione ás novas creadoras e novos valores, aportando os espazos e os medios para que todos os grupos musicais da cidade teñan a oportunidade de amosar publicamente o seu saber facer.

En palabras de Serafín Otero, o BNG propón unhas festas dignas de Vigo, e non un pastiche de actividades e concertos carentes dunha programación minimamente pensada, e que teña en conta como elemento propio e diferenciador unha programación na que se lle dea un lugar de prestixio á nosa creación, música e á nosa danza.