BNG cualifica de “infame” o abandono das vítimas do Marisquiño por parte do Concello e Xunta

xpi02

O candidato do BNG á alcaldía, Xabier P. Igrexas, denuncia a “total desatención” das 467 vítimas e as súas familias, cando se cumpren 100 días do grave accidente. O Bloque exixe que Caballero e Feixóo comparezan na Comisión de Investigación no Parlamento galego para “dar explicacións e asumir responsabilidades sobre o ocorrido”.

BNG cualifica de “infame” o abandono das vítimas do Marisquiño por parte do Concello e Xunta

Cando se cumpren 100 días do grave accidente do Marisquiño, decorrido na madrugada do pasado 13 de agosto, o Bloque Nacionalista Galego de Vigo considera “infame” o abandono das vítimas do accidente e mais das súas familias. Neste sentido, o candidato nacionalista ás eleccións municipais, Xabier P. Igrexas, volveu criticar con dureza a “total desatención” por parte do Concello de Vigo e mais a Xunta de Galiza, tal e como denuncian as propias persoas afectadas. “Cen días despois seguimos sen saber exactamente que pasou, tampouco se teñen posto en marcha ningunha medida para que nunca máis volva suceder, e o que é máis grave, o único que recibiron 467 persoas feridas e as súas familias foi ser ignoradas por parte de Concello e Xunta”, denunciou Pérez Igrexas.

O candidato lembrou que as vítimas continúan sen recibir por parte de ningunha das dúas administracións “o apoio que necesitan e que merecen”. No concreto, Igrexas sinalou a falla de atención psicolóxica e de asesoramento legal. “O único que fixeron PSOE e PP durante estes 100 días foi botar a culpa un ao outro, utilizando as vítimas como arma na súa permanente lea partidista”, acrecentou. Para Igrexas é “absolutamente inxustifícabel” que a resposta diante dun gravísimo accidente nun espazo público da cidade, “sen precedentes na historia de Vigo”, teña sido o silencio e a inacción. “A oficina de atención municipal continúa a ser un paripé que en nada atende nin axuda as persoas afectadas e a Xunta segue a ollar para outro lado obviando a súa responsabilidade e as súas competencias en materia de espectáculos”, subliña Igrexas.

Comparecencia de Caballero e Feixóo

A fronte nacionalista reitera que é “imperativo en termos de hixiene democrática” que tanto o alcalde de Vigo como o presidente da Xunta comparezan perante a Comisión de Investigación aberta no Parlamento de Galiza. “Diante dun accidente tan grave os máximos responsábeis políticos teñen que dar a cara, ofrecer todas as explicacións para averiguar, caia quen caia, porque pasou o que pasou. Se Feixóo e Caballero non asumen esa responsabilidade o que teñen que facer é presentar a súa demisión”.

BNG cualifica de “infame” o abandono das vítimas do Marisquiño por parte do Concello e Xunta