AS EMENDAS PARCIAIS DO BNG CÉNTRANSE EN INFRAESTRUTURAS, POLÍTICA SOCIAL E MELLORA DOS SERVIZOS PÚBLICOS

O BNG demanda á Xunta 30 millóns máis de investimento en Vigo nos orzamentos de 2019

xabier_perez_igrexas_2

Xabier P. Igrexas: "A Xunta do PP ten que deixar de abandonar a principal cidade de Galiza".

As emendas parciais presentadas pola formación nacionalista aos orzamentos da Xunta para o vindeiro ano, concéntranse en ámbitos como as infraestruturas, a política social e a mellora dos servizos públicos.

O BNG demanda á Xunta 30 millóns máis de investimento en Vigo nos orzamentos de 2019

O BNG presentou publicamente esta mañá en rolda de prensa as emendas parciais aos orzamentos da Xunta de Galiza para o vindeiro ano 2019 referidas á cidade de Vigo. Na comparecencia, na que participaron o candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, e mais o deputado no Parlamento galego, Luís Bará, a formación nacionalista debullou as propostas coas que pretenden aumentar nun total de 30 millóns de euros o investimento do Goberno galego na cidade.

"Con estas emendas queremos reverter e poñer fin á política de total abandono que a Xunta de Galiza do Partido Popular practica coa cidade de Vigo", explicou Pérez Igrexas. O candidato nacionalista volveu exixir ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixóo, que "deixe de utilizar de coartada o enfrontamento partidista con Abel Caballero para non atender as súas responsabilidades coas viguesas e os vigueses". Neste sentido, Igrexas lembrou que a formación nacionalista ten manifestado reiteradamente o seu rexeitamento á "política de permanente confrontación" na que están instalados PSOE e PP desde o Concello de Vigo e o Goberno galego, respeitivamente. "É cada vez máis evidente que nesa lea partidista e electoralista, de Feixóo contra Caballero e de Caballero contra Feixóo, eles e os seus partidos pode que crean que poden gañar algo pero quen perde sempre é Vigo", remachou.

O candidato nacionalista volveu denunciar o carácter "propagandístico" das contas presentadas polo Partido Popular para a Xunta e advertiu de que "non abondará con cifras redondas nun papel e grandes anuncios e promesas" para que a veciñanza esqueza as agresións das políticas antisociais que practica o executivo galego. No concreto, Igrexas aludiu á xestión privatizada do hospital Álvaro Cunqueiro, a falla de atención pediátrica durante meses no centro de saúde de Coruxo, ao recorte "á metade" do proxecto de centro de saúde de Bouzas ou á negativa de dotar o barrio de Navia dun instituto.

Política social, emprego e servizos públicos

Precisamente, algunhas destas cuestións foron obxecto de varias emendas parciais. Destarte, o Bloque demandou que se destine 1 millón de euros para iniciar a construción dun Instituto de Ensino Secundario en Navia para evitar que "as rapazas e rapaces deste barrio teñan que se desprazar 10 quilómetros para cursar estudos secundarios e bacharelato". Tamén demandan a mellora das infraestruturas e do equipamento dos colexios públicos (1.200.000€), que a Xunta se comprometa cunha nova biblioteca en Teis (600 mil euros), financiamento autonómico para melloras na rede museística de Vigo (450 mil euros), un programa específico de promoción od uso do galego en Vigo (150 mil euros) e a recuperación dos muíños da parroquia de Valadares (250 mil euros).

A reactivación produtiva e o combate do desemprego na cidade, nun contexto marcado pola existencia de 24 mil persoas sen traballo, é tamén obxecto de varias emendas nacionalistas. Nelas volven demandar a posta en marcha dun Plan comarcal de reindustrialización (3.400.000 euros), a creación do Centro de reparacións navais na Ría de Vigo (2.500.000 euros) e dun Centro metropolitano para o impulso tecnolóxico (250 mil euros) co obxectivo de facer de Vigo "a capital galega da innovación e a tecnoloxía", segundo explicou Igrexas. Aliás, a fronte nacionalista volveu urxir o desenvolvemento "efectivo" do Campus do Mar, reclamando 2 millóns de euros de investimento.

No ámbito social demandan a construción de tres novas escolas infantís nas zonas das Travesas, Navia e O Calvario (600 mil euros), lembrando que en Vigo "dúas de cada tres solicitudes quedan sen praza pública", e exixen a creación reiteradamente prometida nos últimos anos dunha residencia de maiores (500 mil euros). Unha das cuestións que centran as emendas nacionalistas é reverter, segundo explicou Igrexas, "a política de privatización e desmantelamento da sanidade pública". Nesa liña inscríbense a proposta da posta de marcha de dous novos Puntos de Atención Continuada para Navia-Coia e Teis, que perseguen "robustecer a atención primaria e evitar o colapso das urxencias hospitalarias", e o aumento substancial até 1.100.000 euros da partida destinada ao Centro de Saúde de Bouzas para que "se constrúa sobre o proxecto inicial e non reducido á metade". Demandan tamén o acondicionamento do entorno e accesos do hospital Álvaro Cunqueiro (500 mil euros).

Infraestruturas, transporte e medio ambiente

Pola súa banda, o deputado Luís Bará presentou as emendas referidas ás infraestruturas, transporte e medio ambiente. Bará denunciou a "falla de compromiso da Xunta por dotar a Vigo de infraestruturas que son imprescindíbeis para revitalizar e impulsar a cidade". No concreto, as emendas do Bloque demandan a construción do túnel de Xulián Estévez (3 millóns de euros), o acondicionamento do tramo urbano da PO-330 en Pereiró (500 mil euros) e elaboración dun estudo e proxecto para prolongación do túnel de Beiramar desde o Berbés até a rotonda de Bouzas (75 mil euros). Para o acondicionamento do paseo marítimo da ETEA propoñen unha partida de 750 mil euros e para obras de mellora nos cascos históricos de cidade outros 2 millóns de euros. Bará demandou que a Xunta exerza as súas competencias en materia de vivenda para o que propoñen que se destine 1 millón de euros a unha bolsa de vivendas para situacións de emerxencia habitacional.

A mellora do transporte é outra das materias nas que a fronte nacionalista considera "claramente insuficientes" as previsións do orzamento da Xunta para Vigo. A este respeito propoñen que se inclúan 75 mil euros para a elaboración dun estudo para a implantación do tren de proximidade (cercanías) que permita comunicar Vigo con Pontevedra e Tui, o reforzo do transporte marítimo de ría (500 mil euros), un servizo de autobús express ao aeroporto de Peinador (300 mil euros) e a mellora do transporte directo á Universidade de Vigo (1 millón de euros).

Por derradeiro, no relativo á cuestión ambiental, demandan un plan de rexeneración da Ría de Vigo dotado con 2 millóns de euros así como un plan integral de recuperación das zonas afectadas polos lumes por importe de 4 millóns de euros.

O BNG demanda á Xunta 30 millóns máis de investimento en Vigo nos orzamentos de 2019