O BNG denuncia a marxinación e perda de actividade do Porto de Vigo

SeraBaraAPVigo
Serafín Otero e Luís Bará co Comité de Empresa da Autoridade Portuaria de Vigo

O deputado nacionalista, Luís Bará, presentará varias iniciativas no Parlamento galego fronte a situación “alarmante” da terminal viguesa.

O BNG denuncia a marxinación e perda de actividade do Porto de Vigo

O BNG denunciou esta mañá a situación de marxinación e perda de actividade do Porto de Vigo. O deputado nacionalista, Luís Bará, e mais o responsábel local do Bloque en Vigo, Serafín Otero, mantiveron un encontro co Comité de Empresa da Autoridade Portuaria para abordar a grave situación que atravesa unha infraestrutura estratéxica para a cidade.

Otero amosou a preocupación da fronte nacionalista face a dinámica do “esmorecemento” das actividades portuarias en Vigo. A este respeito, reiterou o apoio do BNG ao desenvolvemento portuario. “Nós sempre entendemos que o futuro de Vigo pasa tamén polo porto, tanto en tránsito de mercadorías, como de pesca, para o que é indispensábel dotalo das infraestruturas necesarias”. O responsábel local do BNG na cidade olívica apostou tamén na reordenación dos usos portuarios, para evitar que se ocupe superficie con actividades alleas ás portuarias. Por outra banda, o nacionalista lamentou que a “violencia política” que PSOE e PP están a exercer no enfrontamento institucional entre Concello e Xunta, “por motivos partidistas”. 

Unha das propostas trasladadas ao Comité de Empresa por parte do BNG é a da constitución dunha “mesa de seguimento e coordenación do Porto” onde estiveran representados as organizacións sindicais, empresariais e as diferentes administracións públicas implicadas. “Nós apostamos por unha xestión portuaria cento por cento pública e transparente”. 

Pola súa banda, o deputado no Parlamento galego, Luís Bará, comprometeuse a dar traslado da situación do Porto vigués a través dunha proposición non de lei, na que se exixirá ao Goberno galego para que adopte medidas que procuren a súa dinamización. Bará, após agradecer a colaboración do Comité de Empresa, tamén anunciou a presentación dunha batería de preguntas no Parlamento a respeito das reducións de persoal e das irregularidades que denuncia o propio Comité, sobre a situación infraestrutural, a mala execución dalgunhas obras e a alarmante baixada no tráfico portuario –salientando a pesca conxelada--. O deputado tamén demandará tamén a posta en marcha da PLISAN, como infraestutura auxiliar, e a mellora da conexión ferroviaria da terminal portuaria. 

Finalmente, Bará comprometeuse co Comité a manter unha interlocución fluída a respeito de todas estas iniciativas.

O BNG denuncia a marxinación e perda de actividade do Porto de Vigo