ORZAMENTOS

O BNG emenda 7,5 millóns de euros do orzamento municipal para que atenda as necesidades reais de Vigo

Serafín Otero
Serafín Otero

_As modificacións buscan reforzar os servizos públicos, as políticas sociais, de emprego e de igualdade, e apostar nun Vigo máis verde.
 
_Propoñen duplicar o orzamento do Plan municipal de emprego, a construción de 3 novas escolas infantís e de 2 bibliotecas, crear unha axuda de 200€ mensuais para o alugueiro das familias sen recursos e a posta en marcha dun programa de apoio ás mulleres vítimas de violencia machista.

O BNG emenda 7,5 millóns de euros do orzamento municipal para que atenda as necesidades reais de Vigo

VIGO, 16 de decembro de 2016.- Esta mañá, o responsábel local do BNG de Vigo, Serafín Otero, presentou en rolda de prensa as emendas que a fronte nacionalista formulou aos orzamentos municipais de 2017, aprobados inicialmente o pasado 21 de novembro só cos votos do PSOE. Otero defendeu que as 42 emendas elaboradas polo Bloque constitúen “unha alternativa completa” ao orzamento elaborado polo grupo de goberno, que volveu cualificar de “continuista” e falto de “proxecto de cidade. No concreto, as nacionalistas propoñen cambios por importe de 7,5 millóns de euros.

“Diante duns orzamentos continuistas, as propostas do BNG están orientadas a dar unha mellor resposta ás necesidades reais da veciñanza e do conxunto de barrios e parroquias, a través dun aumento do gasto social e do investimento de tipo dotacional” explicou o responsábel local. Otero, asegurou que esta emendas son unha “oportunidade ao Goberno municipal para corrixir unhas contas que tal e como foron aprobadas inicialmente son absolutamente ineficaces para atender as necesidades da cidade”.

As 42 emendas foron elaboradas recollendo as propostas que desde o tecido asociativo da cidade se lle fixeron chegar ao BNG, como resultado da campaña desenvolvida nas últimas semanas e coa que se puxeron en contacto con máis dun cento de organizacións veciñais, sociais, culturais, deportivas, ambientais e sindicais. Unha dinámica que o Bloque contrapón á “falla de participación e total opacidade” coa que o PSOE elaborou a súa proposta orzamentaria. “Estas emendas non son só do BNG senón que recollen propostas e demandas concretas do tecido social da cidade, fronte uns orzamentos que foron elaborados unicamente atendendo a opinión do PSOE e de ninguén máis” defendeu Otero.

As modificacións orzamentarias por importe de 7.549.615€, perseguen mellorar de maneira substancial as contas aprobadas priorizando o gasto nas partidas sociais, no combate ao desemprego, nas políticas de igualdade, na promoción da nosa cultura e idioma e no medio ambiente.

Máis servizos públicos

Á hora de debullar as principais medidas recollidas, o responsábel local do Bloque salientou que un dos aspectos centrais é a de “ofrecer máis e mellores servizos públicos par a veciñanza”.

Nese sentido, propoñen a construción de 3 novas escolas infantís municipais en Coia, Balaídos e O Calvario; a posta en marcha de dúas novas bibliotecas nos barrios de Navia e Teis; a recuperación do programa de lecer xuvenil alternativo Súbete ó Castro; e a elaboración dun estudo para o rescate de servizos municipais hoxe concesionados a empresas privadas.

Máis política social

Para dar resposta á grave situación social e ao crecente empobrecemento, as nacionalistas apostan en reforzar con máis recursos a política social do Concello, logo de constatarse nos últimos anos a súa insuficiencia. Por iso defenden que se aumenten as partidas destinadas a axudas de emerxencia (+250.000€), cheque social (+860.000€), becas de libro e comedor (+300.000€) e á axuda médico-farmaceútica (+120.000€).

Salienta, nas emendas, a creación dun Plan Municipal de Axuda ao Alugueiro (cun orzamento de 300.000€), para crear unha nova axuda de --como máximo-- 200€ mensuais para familias con poucos recursos económicos, como medida preventiva que evite que cada ano moitas familias se vexan ameazadas polo risco de desafiuzamento. Esta axuda sería compatíbel con outras axudas e subsidios sociais. Aliás, volven reclamar a gratuidade do autobús para as persoas desempregadas de longa duración, para o que asignan unha partida de 500.000€ coa que financiar ese novo bono social.

Máis política de emprego

Un dos aspectos máis duramente criticados polo Bloque dos orzamentos municipais é a conxelación das partidas destinadas a políticas de emprego. “Diante da situación de desemprego e de esmorecemento produtivo que padece a cidade, consideramos indispensábel o reforzamento das políticas municipais en materia de promoción do emprego”, explicou Otero.

Para iso propoñen que se duplique o orzamento do Plan Municipal de Emprego até os 3 millóns de euros e que se poña en marcha un Plan de choque específico contra o desemprego xuvenil e feminino con outro medio millón de euros. Con estas emendas o Concello aumentaría en 2 millóns 50 mil euros o seu presuposto destinado a atender o principal problema social da cidade: o paro.

Máis política de igualdade e contra a violencia machista

Outro dos obxectivos fundamentais das emendas nacionalistas é desenvolver unha política efectiva de combate da desigualdade e, singularmente, da violencia machista. Para iso formulan que se incrementen as partidas destinadas a campañas contra a violencia de xénero (+137.000€) e ao Plan Municipal de Igualdade de Oportunidades (+345.000€). Propoñen tamén a creación de novas partidas para a posta en marcha dun Plan Municipal de Apoio aos Coidados (850.000€), un Programa de apoio ás mulleres vítimas de violencia machista (250.000€) e a Creación dun novo centro de información ás mulleres no barrio de Coia (25.000€ para o proxecto).

Maior aposta na cultura e no galego

A reactivación da oferta cultural da cidade e a posta en valor do noso idioma, son tamén cuestións que desde a fronte nacionalista consideran que non estaban suficientemente atendidas no orzamento aprobado. Un dos elementos máis importantes é a dinamización da rede museística, para o que propoñen o aumento de varias partidas con esa finalidade por un importe total de 600 mil euros. Neste capítulo, defenden tamén que se redefina o proxecto museístico do Verbum-Casa das palabras, para o converter “nun contedor cultural máis atractivo”.

Ademais, demandan que se poña en marcha un Programa municipal de promoción á lectura (100.000€), que se dinamicen as bibliotecas e salas de lectura existentes nos barrios e parroquias, “hoxe infrautilizadas por falta de recursos” (150.000€) e que se desenvolva un Programa de promoción do uso da lingua galega, sobre todo entre a mocidade (200.000€). O Bloque quere darlle un novo pulo á Festa da Rencoquista, considerando que se trata dun “evento de grande importancia cultural e turística”, polo que defenden que se aumente o seu presuposto en 30 mil euros máis (un 50% de suba).

Un Vigo máis verde

A aposta nacionalista por “un Vigo máis verde”, no que se “poña en valor o seu medio natural e que avance cara a un modelo de cidade ecoloxicamente sostíbel”, reflíctese en tres medidas concretas. A elaboración dun novo Plan de mobilidade local (50.000€), que “deberá pivotar sobre o transporte colectivo e sobre o uso de medios alternativos ao vehículo privado”, duplicar o orzamento destinado á recuperación de zonas verdes (+90.000€) e destinar 75 mil euros á recuperación e posta en valor do Río Lagares.

 

_DESCARGA: Emendas do BNG aos orzamentos municipais 2017 (PDF)