LUÍS BARÁ URXE Á XUNTA DE GALIZA A EXECUCIÓN DO CONVENIO ASINADO EN MATERIA DE TRANSPORTE METROPOLITANO

O BNG esixe pór fin á parálise do transporte metropolitano

 

Luís Bará urxe á Xunta de Galiza a execución do convenio asinado en materia de transporte metropolitano, e que se garantan as mesmas tarifas para todas as persoas usuarias, con independencia do seu lugar de procedencia.

O BNG esixe pór fin á parálise do transporte metropolitano

Por medio dunha proposición non de lei presentada no Parlamento Galego, Luis Bará, deputado do Bloque Nacionalista Galego, instou á Xunta de Galiza a que execute o convenio asinado sobre o transporte metropolitano, a través dun acordo co Concello de Vigo a respecto do financiamento, que ao mesmo tempo garanta as mesmas tarifas para todas as persoas usuarias, con independencia do seu lugar de procedencia.

O BNG eleva ao Parlamento a preocupación entre a veciñanza dos municipios da comarca debido aos problemas no transporte. Desde o Bloque lamentamos que nos últimos anos se estea a dar unha permanente confrontación de corte partidista e electoralista entre Xunta de Galiza e concello de Vigo, e que está a causar graves prexuízos a Vigo e aos concellos da súa área. Esa interminábel disputa institucional entre Goberno municipal de Vigo e Xunta de Galiza tivo e segue tendo un dos seus puntos culminantes da constitución e posta en marcha da Área Metropolitana de Vigo.

O BNG considera que o conflito arredor da Área Metropolitana fica atravesado pola problemática derivada da inexecución do convenio subscrito o pasado 6 de xullo de 2016, entre Concello de Vigo, a empresa Vitrasa (como concesionaria do servizo de transporte urbano da cidade) e Xunta, para a integración de Vigo na área de transporte metropolitano. Unha inexecución que ten causa na diverxencia de criterio referida unicamente á cuestión tarifaria, nomeadamente á compensación das viaxes urbanas dentro do termo.