BALANZO DO ANO

O BNG lamenta que 2016 conclúa como un “ano perdido” para Vigo pola falla de xestión e de proxecto do Goberno municipal

Serafín Otero
Serafín Otero

_Serafín Otero: “Se houber que poñerlle nota ao goberno local por este ano, só podería ser un triplo cero. Cero proxecto, cero diálogo e cero xestión”

_O BNG continuará a defender a súa “alternativa en positivo”, fuxindo da lea partidista e defendendo propostas concretas para atender as necesidades reais da veciñanza e a cidade.

O BNG lamenta que 2016 conclúa como un “ano perdido” para Vigo pola falla de xestión e de proxecto do Goberno municipal

VIGO, 28 de decembro de 2016.-  O BNG fixo balanzo do ano 2016 lamentando que este conclúa como un “ano perdido” para a cidade de Vigo, por mor da falla de xestión e de proxecto do Goberno municipal do PSOE. “A maioría absoluta do PSOE estase a traducir nunha parálise absoluta” criticou o responsábel local do BNG, Serafín Otero.

Para Otero, a aprobación definitiva dos orzamentos municipais, sen incorporar ningunha emenda nin alegación e só cos votos do grupo de goberno, é un “exemplo clamoroso” do que deu de si a política municipal este ano. “Onte o PSOE rexeitando as emendas do BNG impediu que Vigo teña 3 novas escolas infantís, 2 bibliotecas, duplique o seu plano de emprego, se cree unha axuda municipal ao alugueiro ou se poña en marcha un programa de apoio ás mulleres vítimas da violencia machista” cuestionou. “Este ano deixou patente que a prioridade do alcalde non é atender as necesidades reais da veciñanza e os barrios. Estivo máis ocupado no culebrón de Ferraz que en mellorar e ampliar os servizos públicos que presta o Concello”.

"Este ano deixou patente que a prioridade do alcalde non é atender as necesidades reais da veciñanza e os barrios.Estivo máis ocupado no culebrón de Ferraz que en mellorar e ampliar os servizos públicos que presta o Concello”.

“Se houber que poñerlle nota ao goberno local por este ano, só podería ser un triplo cero. Cero proxecto, cero diálogo e cero xestión”, afirmou Otero. As nacionalistas xulgan “moi preocupante” a falla de iniciativa política que se está a traducir nunha “inercia moi perigosa”. Neste sentido, sinalan a inacción do goberno para resolver a situación creada após a anulación do PXOM, pero tamén o reiterado incumprimento das promesas do goberno. “Onde está o aparcadoiro gratuíto do hospital Álvaro Cunqueiro?” pregúntase o responsábel local do Bloque, cando xa pasaron 16 meses desde o seu anuncio. “A estratexia de Caballero é sempre a mesma. A cada problema, a cada necesidade, só responde con anuncios ocos e propaganda. Vémolo claramente coa demanda da mellora da conexión por bus co Álvaro Cunqueiro. Di xenericamente que están a traballar no tema, pero non teñen movido nin un só papel para resolvelo”. 

Goberno encastelado

A falla de diálogo por parte do Goberno é sinalado polo Bloque como un dos principais déficits. “Este ano o PSOE encastelouse no Concello, facendo ouvidos xordos ás necesidades da xente e ás demandas dos colectivos sociais. Temos un goberno que só mira para o seu embigo. Cero diálogo, cero cooperación con outras institucións, algo que ameaza proxectos tan importantes como o Campus do Mar”, explica Otero.

Nesa política de “procurar o conflito en lugar de buscar solucións polo ben da cidade”, encadra tamén o papel xogado polo alcalde na constitución da área metropolitana. “Faltou pouco para que Abel Caballero acabase por impedir a posta en marcha da área, e vemos como PSOE e PP converxen de maneira interesada en poñer paus nas rodas ao transporte metropolitano”. A permanente liorta partidista, en opinión da fronte nacionalista, é unha estratexia compartida por PP e PSOE desde a  Xunta e o Concello. “Mentres se tiran os trastos, culpándose uns a outros, os problemas seguen sen se resolver. Nesa pelexa sempre perdemos as viguesas e os vigueses”. 

Alternativa en positivo

Diante desta situación, Serafín Otero reiterou o compromiso do Bloque de seguir a defender unha alternativa “en positivo” a favor da cidade e dos intereses da veciñanza. “Nós imos seguir poñendo as nosas propostas concretas enriba da mesa, para que o Goberno municipal comece dunha vez por todas a gobernar atendendo as necesidades da xente, en lugar de virarlle as costas, e tamén para reclamar da Xunta e do Estado un maior compromiso coa cidade”, asegurou.

Desta maneira, o Bloque continuará a exercer unha oposición construtiva. “Fronte un goberno sen proxecto, sen xestión e sen capacidade de diálogo, o BNG imos seguir defendendo que hai alternativa, que Vigo pode e debe ter outra política municipal. E non o imos facer desde a confrontación permanente, xa que iso é o que busca Caballero para que non se vexan as enormes carencias da súa política, senón propoñendo medidas concretas para mudar o rumbo”.  

“O que quere o alcalde é balbordo, é bronca, é conflito.  Nós o que imos dar é o debate, poñendo os problemas e as necesidades da veciñanza por diante. Nin un minuto á lea partidista, dedicaremos todos os nosos esforzos a defender que haxa máis escolas infantís, que se mellore o transporte urbano, que haxa máis política cultural ou que se amplíen as axudas sociais”. Esas serán as coordenadas sob as que o Bloque desenvolverá a súa actuación social e institucional na cidade, desde o convencemento de que iso, precisamente, é “o  que demanda a veciñanza e o que precisa a cidade”.