O BNG levará ao Parlamento galego unha iniciativa para blindar o monte comunal de Cabral

_A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e o responsábel local, Serafín Otero, reuníronse cos comuneiros e comuneiras e veciñanza afectada. “O novo PXOM ten que enterrar o proxecto especulativo sobre Porto Cabral”, trasladaron, comprometéndose a defender o aumento da protección ambiental.

_O BNG aposta polo comercio de proximidade e defende para Vigo unha moratoria de dez anos nas concesións para grandes áreas comerciais

O BNG levará ao Parlamento galego unha iniciativa para blindar o monte comunal de Cabral

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e mais o responsábel local da fronte nacionalista, Serafín Otero, mantiveron un encontro o pasado xoves, día 8, con comuneiros e comuneiras e coa veciñanza afectada polo macro proxecto comercial Porto Cabral e avanzou que o BNG vai presentar no Parlamento unha proposición non de lei para blindar o monte comunal ante calquera operación especulativa presente ou futura, como primeira das tres propostas concretas que formula sobre este tema. Ofensiva na Cámara galega, enterrar este proxecto no novo PXOM e unha moratoria de dez anos na concesión de licencias para grandes áreas comerciais.

O responsábel local do BNG, Serafín Otero, afirmou que o BNG seguirá a loitar contra a especulación que supón o macrocentro comercial “xa que defendemos un monte vivo e produtivo, que xere traballo digno e non a precariedade e inestabilidade que ofrece o modelo fracasado de macrocentros comerciais”. Temos claro que o monte comunal de Porto Cabral ten que quedar a salvo da especulación e que non ten ningún sentido a día de hoxe converter este espazo nun macro centro comercial. Estamos do lado dos veciños e das veciñas e dos comuneiros”, salientou Pontón ao anunciar a iniciativa parlamentaria.

Nese mesmo encontro, a dirixente do Bloque explicou a posición da formación nacionalista baixo a premisa de que o planeamento urbanístico debe responder ao interese público. Por iso, indicou que o BNG, ademais da actuación na Cámara galega, formula unha dobre proposta. Por un lado, que o novo plan xeral de ordenación municipal do Concello de Vigo protexa de xeito “rotundo e inequívoco” o monte comunal e, en segundo lugar, unha moratoria de dez anos na concesión de licencias para grandes áreas comerciais na cidade olívica. “Trátase de facer unha aposta decidida polo comercio de proximidade porque é o que xera máis vida na cidade, riqueza e postos de traballo, é un debate importante para o futuro de Vigo, é un debate de modelo e desde o BNG pensamos que a prioridade debe ser un comercio local porque é unha aposta segura de futuro”, argumento Pontón.

O BNG defende que o futuro PXOM modifique os usos asignados ao polígono de Liñeiriños desafectando o monte en man común “para que ninguén teña posibilidade de cubrilo de cemento para facer negocio privado”. Igualmente, aposta por un planeamento urbanístico participativo que conte cos axentes sociais no seo do consello sectorial de urbanismo.