O BNG presenta as súas propostas en favor das liberdades sexuais e dereitos do colectivo LGBT

Xabier P. Igrexas xunto a colectivos LGBT
Xabier P. Igrexas xunto a colectivos LGBT

O candidato á alcaldía, Xabier P. Igrexas, defende “facer de Vigo unha cidade de iguais rachando co modelo heteropatriarcal e recoñecendo a diversidade afectivo-sexual e familiar”.

Propoñen medidas de sensibilización e apoio contra a LGBTfobia.

O BNG presenta as súas propostas en favor das liberdades sexuais e dereitos do colectivo LGBT

O candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, mantivo esta tarde un encontro con activistas LGBT para lles presentar as propostas da fronte nacionalista en relación á promoción das liberdades sexuais a nivel municipal.

“Un dos elementos que definen o noso modelo de cidade é que queremos facer de Vigo unha cidade de iguais, e iso pasa tamén por rachar co modelo heteropatriarcal, recoñecendo a diversidade afectivo-sexual e familiar. Vigo é unha cidade moderna e de vangar na defensa dos dereitos sociais, e por iso faremos que o Concello de Vigo asuma un compromiso real para combater a LGBTfobia”, explicou Igrexas.

No programa aberto do BNG para as vindeiras eleccións municipais do 26 de maio a formación apostou por incorporar a defensa das liberdades sexuais de maneira transversal. Unha decisión que responde ao propósito do Bloque de impulsar políticas municipais “non compartimentadas, senón que atravesen todos os departamentos e áreas”.

Entre as medidas que defenden inclúese a visibilización e normalización da realidade LGBT nas campañas publicitarias e propaganda institucional do Concello. Tamén posta en marcha dun programa de Información e Atención a persoas LGBT, que desenvolva accións dirixidas de maneira específica a este colectivo e á súa contorna familiar e relacional, e contemple, tamén, actuacións de carácter formativo, informativo, de asesoramento e sensibilización dirixidas tanto a profesionais como ao conxunto da poboación.

Igrexas amosouse partidario de dedicar un esforzo inda máis decidido no combate da LGTBfobia entre a mocidade. Nesa dirección o Bloque promoverá que se realicen accións formativas e de sensibilización no ámbito escolar, a formación de mediadoras/es xuvenís en dereitos e liberdades sexuais e o apoio ao tecido asociativo.