ESIXIMOS DUPLICAR OS FONDOS PÚBLICOS EN I+D+I PARA XERAR EMPREGO DE CALIDADE E UN PLAN RETORNA PARA FACILITAR A VOLTA DA MOCIDADE EMIGRADA

Queremos que Vigo albergue un centro metropolitano de innovación e tecnoloxía

A portavoz nacional, Ana Pontón, mantivo un encontro en Vigo con profesionais e responsábeis de empresas que apostan pola innovación nos seus procesos produtivos, a quen trasladou a dupla “aposta estratéxica” do BNG: Duplicar os fondos públicos en I+D+I para aproveitar o potencial do país e xerar emprego de calidade e un Plan Retorna para facilitar a volta do talento e da xente moza emigrada. O responsábel local do BNG en Vigo, Serafín Otero, salientou a importancia de converter Vigo na capital galega da innovación coa creación dun centro metropolitano de desenvolvemento tecnolóxico para o desenvolvemento do emprego e o coñecemento compartido en Galiza. 

 

Queremos que Vigo albergue un centro metropolitano de innovación e tecnoloxía

Desde a formación nacionalista queremos sacar Galiza do vagón de cola da innovación, onde nos ten situado o presidente da Xunta Núñez Feixóo ao longo destes anos, cun nivel de investimentos tres veces inferior aos países do entorno.

Esta aposta estratéxica pola innovación ten que ter unha plasmación territorial e Vigo “ten as  condicións óptimas para converterse na capital galega da innovación, para albergar a sede dun centro metropolitano de desenvolvemento tecnolóxico e de I+D+i, que sume esforzos de empresa, universidade, Xunta e concello e se converta no pulmón da innovación”, salientou a portavoz nacional do Bloque.

“Aquí temos talento, universidade, base produtiva e o que se precisa é un apoio estratéxico por parte do Executivo galego e do concello, que dialoguen”, subliñou, tras indicar que a reunión coas empresas puido volver constatar “que hai potencial e capacidade, e o que se precisa é un Goberno que aposte pola innovación para crear emprego de calidade, frear a deslocalización de empresas e a emigración de xente moza”.

De feito, a demanda de man de obra cualificada do sector naval en Vigo e comarca constata a necesidade de traer de volta aos 100.000 mozos e mozas menores de 30 anos que marcharon fóra nos últimos dez anos. “O BNG reitera a proposta de poñer en marcha un Plan Retorna, como defendemos na tramitación dos orzamentos de 2018, pero atopámonos co muro da maioría absolutista do PP. Hai que recuperar esa man de obra especializada que foi expulsada ofrecendo unha oportunidade de futuro  xente que marchou fora”, explicou Pontón.

A dirixente do Bloque insistiu nesa dobre aposta estratéxica do BNG, por financiar un plan que facilite o retorno da xuventude que colleu as maletas e por duplicar os fondos en I+D+i, “con Vigo como capital galega da innovación poñendo en marcha un centro metropolitano de innovación e tecnoloxía que conte con empresas, universidade, Xunta e concello”.