“FACEMOS UN CHAMAMENTO A PARAR NO TRABALLO, NO ENSINO, NO CONSUMO E NAS CASAS, E A PARTICIPAR NAS MOBILIZACIÓNS DO 8 DE MARZO”

O BNG propón un plan municipal de choque contra as violencias machistas

Sefi Romero e militantes do BNG no acto do Calvario 7 de marzo 2018
Sefi Romero e militantes do BNG no acto do Calvario

Na mañá deste mércores o BNG de Vigo desenvolveu accións informativas entre a veciñanza do Calvario en apoio da folga de mulleres que terá lugar en Galiza e na maior parte do mundo o 8 de marzo. “O feminicidio é o grao máximo no que se expresan as violencias que padecemos polo feito de sermos mulleres” denunciou Sefi Romero, responsábel local de Acción Feminista do BNG, durante o desenvolvemento do acto.

O BNG propón un plan municipal de choque contra as violencias machistas

O Bloque Nacionalista Galego defendeu durante o transcurso do acto informativo desenvolvido no Calvario na véspera da folga de mulleres, a necesidade de “redobrar” esforzos na loita contra as violencias machistas. Nese sentido, Sefi Romero esixiu a creación dun Plan de Choque Municipal contra as violencias machistas. O BNG presentou a iniciativa dun plan municipal con medidas orientadas á posta en marcha dun programa local de apoio ás mulleres vítimas de violencia machista “cun presuposto de como mínimo 250 mil euros”, salientou Romero. “Esiximos aumentar en 137 mil euros os recursos dedicados a campañas contra a violencia de xénero, reforzándoas especialmente na sensibilización e concienciación no ámbito escolar, para concienciar desde a infanza na igualdade e o feminismo”. O BNG esixe por medio da súa proposta de plan municipal de choque a dotación de 345 mil euros máis para o Plan municipal de igualdade de oportunidades para conseguir a súa efectividade. O Bloque demanda tamén a creación de dous novos centros de información ás mulleres, nos barrios de Coia e do Calvario, así como a implementación dun Plan Municipal de Apoio aos Coidados, cun presuposto de como mínimo 850 mil euros. “Sabemos que estas medidas non van resolver por si propias o problema de fondo, mais ficamos certas de que contribuirán de maneira concreta e real a combatermos mellor o machismo na nosa cidade”, salientou Sefi Romero.

Durante o encontro coa veciñanza para a difusión da folga feminista, Sefi Romero salientou que durante o 2017 seis mulleres e un menor foron asasinadas pola violencia machista en Galiza, ano en que Vigo rexistrou unha denuncia por violencia machista cada catro días.

O BNG denunciou novamente datos dramáticos que amosan que na cidade de Vigo preséntanse o 40% do total das denuncias de todo o país. “Para o BNG o combate das violencias machistas debe ser unha prioridade política, a todos os niveis, tamén no ámbito municipal” salientou Serafín Otero, responsábel local do BNG de Vigo. O BNG esixiu no Calvario na mañá deste xoves, un esforzo “decidido e real, concreto e práctico” para loitar contra o machismo e a violencia de xénero. Nese sentido, Otero esixiu destinar “todos os recursos necesarios e pór en marcha todas as capacidades” para as articular na loita pola igualdade efectiva”.

O BNG propón un plan municipal de choque contra as violencias machistas