O BNG REIVINDICA EN VIGO O DÍA DA PATRIA GALEGA QUE CUMPRE 50 ANOS DA SÚA CELEBRACIÓN

Chamamos á veciñanza de Vigo a mobilizarse no Día da Patria Galega

Luis Bará chama a participar da manifestación do Día da Patria Galega a toda a cidadanía de Vigo que queira a Galiza e desexe futuro digno na nosa terra.
Chamamos á veciñanza de Vigo a mobilizarse no Día da Patria Galega

O BNG realizou esta mañá en Vigo un acto de rúa para a difusión do Día da Patria Galega. Diante do mercado do Calvario, o deputado nacionalista Luis Bará, xunto a outras persoas integrantes do Bloque Nacionalista Galego, participaron deste acto de difusión no que tamén se agasallaron bandeiras galegas á veciñanza. En declaracións de Bará, o 25 de xullo de 2018 “tórnase unha data se cabe máis especial” xa que se cumpren os 50 anos da recuperación do Día da Patria Galega. “Foi en 1968 cando o nacionalismo, desafiando o franquismo e a represión, reivindicou de novo este día”, afirmou o deputado nacionalista. Para Bará, o Día da Patria Galega é unha data “para celebrar o orgullo de pertencer a Galiza e para defender os dereitos sociais e nacionais do noso pobo”.

Nese sentido, explicou que o lema co que o BNG convoca a mobilización deste Día da Patria Galega, “Unha idea clara: sumar por Galiza” fai referencia ao compromiso do nacionalismo de aglutinar a toda a diversidade e pluralidade do pobo galego que desexe unha Galiza mellor, con traballo e oportunidades, con dereitos sociais e liberdade de expresión, unha Galiza ceibe soberana con dereito a decidir sobre o seu propio futuro.