ÁREA METROPOLITANA

O BNG de Vigo chama a recuperar o consenso para que a Área Metropolitana sexa unha realidade efectiva

_A fronte nacionalista urxe o traspaso de competencias e recursos ao ente metropolitano.
_Critican que PP e PSOE empreguen a Área Metropolitana como arma arroxadiza na súa lea partidista.

O BNG de Vigo chama a recuperar o consenso para que a Área Metropolitana sexa unha realidade efectiva

Diante do conflito aberto ao fío da constitución formal da Área Metropolitana do Vigo, o BNG reclama que se recupere o consenso atinxido polos concellos e a Xunta que permitiu a reforma da Lei da área e superar o impasse que impedira a súa posta en marcha. “O único camiño para que a Área Metropolitana de Vigo sexa unha realidade práctica é o do consenso de todas as partes implicadas” defende o responsábel local do BNG, Serafín Otero. 

Nese sentido, desde a fronte nacionalista denuncian que tanto PP como PSOE continúan a empregar un “asunto estratéxico para a cidade e a súa área de influencia” como unha “arma arroxadiza” na súa permanente lea partidista. “A solución non pasa nin pola xudicialización nin polo bloqueo institucional”, asegura Otero en alusión ás medidas emprendidas polo Goberno galeg. “O camiño é o do diálogo e o consenso. Precisamente o vieiro que nin PSOE nin PP parecen estar dispostos a transitar, empeñados neste espectáculo lamentábel”.

Competencias e financiamento

A fronte nacionalista avoga por superar un “conflito estéril que vai en contra dos intereses da veciñanza” e urxen a que se dote canto antes de competencias e financiamento ao ente metropolitano para que a Área sexa unha “unha realidade efectiva”. “Sen o traspaso de competencias e de recursos a Área non servirá para nada, será un cascaron baleiro, sen contido nin finalidade”, alerta Serafín Otero, quen lembra que a “a veciñanza leva anos demandando unha Área Metropolitana que sirva para alargar e mellorar a prestación de servizos a través da mancomunación, non un miniparlamento no que PSOE e PP escenifiquen as súas diferencias”.

Transporte metropolitano

Desde o Bloque lamentan que se estea a utilizar algo tan importante como o transporte metropolitano como “escusa e coartada” para xustificar un conflito artificial que só responde ás estratexias electorais de PP e PSOE. Aliás, xulga que a posta en marcha dun verdadeiro transporte metropolitano sería un elemento referencial e central da Área e que a integración do transporte urbano de Vigo é un factor chave.

Diante do conflito tarifario, o BNG defende o criterio de que as tarifas “teñen que ser as mesmas para todas as persoas usuarias, con independencia do seu concello de orixe dentro da Área”. No entanto, iso non resolve o debate a respeito de como se debe financiar o billete metropolitano, para o que desde o Bloque apostan nun acordo entre o Concello de Vigo e a Xunta de Galiza.

O BNG de Vigo chama a recuperar o consenso para que a Área Metropolitana sexa unha realidade efectiva