O BNG de Vigo urxe a Goberno español e Xunta que actúen para completar a rexeneración da ría

Parlamento2
Parte da delegación desprazada a Bruxelas coas camisolas en defensa da ría / Imaxe cedida por Delmi Álvarez

“Hai un clamoroso desinterese por parte do goberno do estado cando se veñen de aprobar uns orzamentos que designan cero euros para completar o saneamento integral da ría de Vigo” di Xabier P.Igrexas

“Dez anos despois seguimos a ter os mesmos puntos contaminantes de orixe industrial e portuario sen que Xunta, Concello e goberno central tomen medidas”, asegura

O BNG de Vigo urxe a Goberno español e Xunta que actúen para completar a rexeneración da ría

Após lograr onte que a Comisión de Peticións do Parlamento europeo decidise manter a petición sobre o estado das rías de Vigo e o Burgo, o que se traduce en que haberá un novo control para garantir a calidade das augas de ambas rías, o candidato do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, valourou nunha rolda de prensa celebrada esta mañá en Bruxelas o que cualificou como “primeira vitoria”.

O candidato nacionalista denunciou que hai un “clamoroso desinterese” por parte do goberno central cando na proposta de orzamentos xerais do Estado destínanse “cero euros” para completar o saneamento integral da ría de Vigo. “Desde o BNG esiximos que ten que haber un compromiso real por parte do goberno non só destinando una partida para completar a rexeneración da ría senón tamén para acometer un informe sobre o estado real das augas”, di.

Tamén expón Igrexas que a Xunta está a actuar neste asunto como unha“cómplice activa” e que o seu papel debe ser o de esixir ao goberno a tomar medidas e a actuar de maneira urxente. Os datos aportados pola Plataforma en defensa da ría, confirman que na ría se seguen a producir verteduras contaminantes e de carácter industrial. “Como ben dixo Serxio Regueira, presidente da Plataforma en Defensa da Ría de Vigo, 10 anos despois seguimos a ter os mesmos puntos de emisión de contaminación. Diante desta situación o goberno do estado, a Xunta de Galiza e o propio Concello de Vigo virán as costas, non queren atender esa realidade nin darlle una respota”, remachou.

Unha “macrodepuradora” deficiente

Igrexas enfatizou, durante a rolda de prensa realizada esta mañá no Parlamento europeo, no mal funcionamento da EDAR do Lagares. “Falamos dunha obra faraónica, de máis de 200 millóns de euros, que a día de hoxe segue sem evitar que se vertan na ría augas non depuradas pola incapacidade de asumir o caudal de  auga nos días de choiva”, denunciou o candidato nacionalista.

O candidato do Bloque en Vigo apuntou tamén que un dos principais motivos que impiden que a estación depuradora millonaria poida asumir correctamente a súa tarefa e é que “non se adoptaron as medidas necesarias na separación de augas pluviais das non pluviais. Vemos con sorpresa que o goberno municipal non ten ningún interese en revertir a situación”, sentencia.

O BNG de Vigo xa anunciou que promoverán iniciativas para urxir o compromiso real “de Estado, Xunta e Concello para acabar coa contaminación da ría”.

O BNG de Vigo urxe a Goberno español e Xunta que actúen para completar a rexeneración da ría