O BNG de Vigo volve amosar o seu total apoio as traballadoras e traballadores de Bosch perante un ERTE abusivo e arbitrario

Xabier P.Igrexas xunto a parte do plantel de Bosch
Xabier P.Igrexas xunto a parte do plantel de Bosch

Decenas de empregados manifestáronse diante da sede do centro de chamadas para protestar contra o ERTE que afecta a máis de 500 persoas.

“Vemos como despois de 10 meses de goberno socialista non houbo ningún cambio no marco laboral o que fai máis necesario aínda que o 28 de abril haxa unha presenza galega forte e determinante no Congreso para acabar coas contrarreformas laborais que permiten situacións como a de Bosch”, defendeu o candidato do BNG á alcaldía, Xabier P. Igrexas.

O BNG de Vigo volve amosar o seu total apoio as traballadoras e traballadores de Bosch perante un ERTE abusivo e arbitrario

O BNG reiterou unha vez máis o seu total apoio as traballadoras e os traballadores de Bosch diante do ERTE “abusivo e arbitrario”  que se está a aplicar nos centros de chamadas da compañía en Vigo. O candidato do Bloque á alcaldía, Xabier Pérez Igrexas, quixo estar novamente a carón das traballadoras e dos traballadores da empresa que hoxe se manifestaron diante das dúas sedes de Vigo para amosar o seu rexeitamento ao ERTE que se está a aplicar e que afecta a máis de 500 persoas.

O candidato da fronte nacionalista participou esta mañá no centro de chamadas de Bosch na Avenida de Madrid xunto a decenas de traballadoras e traballadores que durante máis dunha hora non pararon de berrar consignas de todo tipo pedindo á empresa condicións dignas.

Para Igrexas este ERTE obedece á dinámica de deslocalización que padece o sector dos centros de chamadas e que fai perigar a estabilidade dos postos de traballo en Vigo e en Galiza Por iso considera que é fundamental garantir a atención no noso idioma: “A estabilidade do emprego no sector dos centros de chamadas en Galiza pasa por garantir tamén o noso dereito como clientes e clientas de sermos atendidas en galego. Apostar polo noso idioma sería o mellor xeito de evitar que as grandes operadores desvíen os servizos a outras latitudes”, enfatizou.

Aliás, Igrexas criticou a falla de actuación por parte do Goberno galego diante de situacións como a que se vive en Bosch, “unha multinacional con beneficios millonarios que aplica ás bravas un ERTE sen xustificación”. “Onde está a Xunta de Galiza que é a autoridade laboral do noso país? Onde está cando vemos que unha empresa que dá beneficios está poñendo en risco os postos de traballo sen ningún tipo de explicación?”, preguntouse.

O Bloque como forza determinante

Igrexas ve de máxima necesidade que se bote  abaixo as contrarreformas en materia laboral que aprobou o Partido Popular que fan posíbeis situacións como a de Bosch, e que o executivo socialista de Pedro Sánchez non derrogou. “Durante 10 meses non houbo ningún cambio no marco laboral, só xestos”, criticou.

Para o candidato “é fundamental que o Bloque volvamos estar en Madrid a partir do próximo 28 de abril, para garantir que Galiza teña voz e voto no Congreso, defender o emprego digno e botar abaixo este marco regresivo e antiobreiro”. Por iso recorda que as vindeiras eleccións xerais do 28 de abril son unha boa oportunidade para empurrar unha mudanza real para o que máis útil é o “voto dobre, a favor de Galiza e das clases populares e traballadores, que representa o BNG”.