O BLOQUE URXE O CONCELLO DE VIGO A DESIGNAR UNHA NOVA DIRECCIÓN PARA O MUSEO DE ARTE CONTEMPORÁNEA CUN CONCURSO “ABERTO, PÚBLICO E TRANSPARENTE”.

Os plans do Goberno municipal para o MARCO poden “botar por terra o traballo de máis dunha década”.

MARCO Museo de Arte Contemporánea de Vigo
MARCO Museo de Arte Contemporánea de Vigo

 

A incerteza que neste momento paira sobre o futuro do Museo de Arte Contemporánea (MARCO) de Vigo é para o BNG “un claro síntoma da ausencia dunha política cultural na cidade”. 

Os plans do Goberno municipal para o MARCO poden “botar por terra o traballo de máis dunha década”.

Desde a fronte nacionalista denunciamos a falla dun “proxecto claro” por parte do Goberno municipal para a posta en valor do conxunto da rede museística da cidade. Neste sentido, urximos o Concello de Vigo a pór en marcha un Plan de Impulso da Rede Museística, que permita unha mellor dinamización dos diferentes espazos expositivos e que potencie o seu atractivo como oferta cultural. Esta proposta será incluída nas emendas aos orzamentos municipais de 2018 de Vigo que a organización nacionalista estamos a ultimar.

O responsábel local do Bloque en Vigo, Serafín Otero, denuncia que “Vigo goza de espazos museísticos cun inmenso potencial, pero a ausencia dunha política cultural por parte do Goberno municipal tenos reducidos a meros ‘contedores’, sen proxección de futuro, sen coordinación entre eles e sen aproveitar todas as súas capacidades”. O BNG inscribe a polémica aberta a respeito do futuro do MARCO na situación de “coma museístico” que padecen outras instalacións como a Pinacoteca Municipal, o Centro de Fotografía ou o Vérbum. Desde a fronte nacionalista demandamos de xeito reiterado nos últimos anos, tanto a Concello como a Xunta, unha “aposta clara e firme pola posta en valor dos museos, para os poñer ao servizo da veciñanza e da proxección da cidade”. En todas as emendas orzamentarias, tanto aos presupostos da Xunta como nos municipais, o Bloque demanda unha maior dotación económica para prover dos recursos necesarios para “revitalizar o conxunto dos museos e espazos expositivos da cidade”.

“Nisto tanto PP, na Xunta, como o PSOE no Concello, coincidiron sempre negando eses recursos.

Os plans de Abel Caballero poden botar por terra o traballo de máis dunha década que converteu o MARCO nun referente da arte contemporánea, xa non en Vigo e a súa Área Metropolitana, senón para o conxunto de Galiza e mesmo a nivel de Estado

En relación a unha hipotética redefinición do proxecto museístico do MARCO, o BNG considera “moi preocupantes” as declaracións realizadas nas últimas semanas por parte de Abel Caballero. Nese sentido, Otero advirte de que os plans do actual Goberno municipal “poden botar por terra o traballo de máis dunha década que converteu o MARCO nun referente da arte contemporánea, xa non en Vigo e a súa Área Metropolitana, senón para o conxunto de Galiza e mesmo a nivel de Estado”. “O que precisa o MARCO non son improvisacións dun Alcalde metido a experto programador de museos, senón que se redobre a aposta por revitalizalo xunto ao conxunto da rede museística da cidade”, acrecenta o responsábel do BNG DE Vigo. Por derradeiro, desde a fronte nacionalista xulgamos “urxente” poñer en marcha o procedemento de selección da nova dirección do MARCO, mediante “un concurso público, aberto e respectuoso cos acordos de Boas Prácticas en Museos e Centros de Arte”.