Xabier P. Igrexas: “O BNG volvemos ao Concello de Vigo para quedar”

Xabier P. Igrexas celebra os resultados fundíndose  nun abrazo con Serafín Otero
Xabier P. Igrexas celebra os resultados fundíndose nun abrazo con Serafín Otero

O candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, agradeceu o apoio das case 8500 viguesas e vigueses que apoiaron o BNG e permitiron o seu regreso á Corporación Municipal obtendo un asento no Pleno.

Igrexas recoñeceu a “clara vitoria” do PSOE, pero advirte que “ningunha maioría absoluta, por folgada que sexa, é un cheque en branco para gobernar de costas ou en contra da veciñanza”. O BNG celebra “o desplome do PP de Feixóo” en Vigo e que forzas “españolistas ultra e reaccionarias” como Vox e Ciudadanos non obtiveran representación.

“O asento do BNG no pleno vai ser tamén o asento que dea voz ao tecido asociativo e de todas as viguesas que cren que a cidade merece máis. Centrarémonos en ofrecer alternativas en positivo para responder ás necesidades reais das viguesas e vigueses, dos barrios e parroquias”, anticipou Igrexas.

Xabier P. Igrexas: “O BNG volvemos ao Concello de Vigo para quedar”

“O BNG retornamos ao Concello de Vigo e volvemos para quedar”, con estas palabras empezou a súa intervención valorando os resultados electorais deste 26 de maio o candidato do Bloque, Xabier P. Igrexas, que foi recibido cunha ovación na sede da formación nacionalista. Igrexas, que compareceu acompañado do responsábel local e de integrantes da candidaturas, quixo agradecer o apoio das “8.461 persoas que votaron BNG e permitiron o regreso do nacionalismo á principal cidade de Galiza” e puxo en valor que o Bloque sexa “a única forza alternativa ao actual goberno que sube en apoio social”.

O concelleiro electo quixo dedicar as súas primeiras palabras para agradecer o “enorme traballo despregado pola nosa militancia nunha campaña heroica que foi posíbel pola súa entrega incombustíbel e o seu compromiso”. “Sodes o mellor do BNG” dedicoulles entre aplausos. Tamén quixo recoñecer de maneira explícita a labor do anterior candidato e actual responsábel local, Serafín Otero. “O noso regreso non é só resultado dunha campaña, senón tamén do traballo continuado, a pé de rúa, en permanente contacto co tecido asociativo que despregamos nos últimos catro anos e que lle debe moito, moitísimo, ao compañeiro Serafín”.

Sobre o papel que quere xogar a fronte nacionalista, Igrexas explicou que se centrarán “en achegar propostas en positivo, para colocar a política municipal ao servizo da veciñanza e dos barrios e parroquias”. Neste sentido, lamentou que se teñan rebaixado as expectativas que as viguesas e vigueses teñen do Concello, e volveu insistir en que se ten que ofrecer moito máis que “dinoseto, luces de nadal ou obras na superficie con moita propaganda”. O propósito do Bloque será, tal e como insistiron durante toda a campaña, dar resposta aos problemas e necesidades reais da cidade.

Moito máis que un concelleiro do BNG

“Esta acta é moito máis que un concelleiro do BNG. O noso asento no Pleno vai ser o asento de todo o tecido asociativo, para darlle voz fronte a un goberno que con tics autoritarios tentou afogalo nos últimos catro anos. Vai ser un asento para dar voz e voto a todas as viguesas e vigueses que cren Vigo merece moito máis que o que se lle está a ofrecer”, defendeu. Igrexas deixou claro tamén que o obxectivo do BNG é traballar arreo durante os próximos 4 anos para sumar máis apoio social a un proxecto en positivo e de futuro, que “é o que Vigo necesita”.

Valoración resultados

O futuro representante do BNG no Pleno vigués, valorizou tamén os resultados obtidos por outras forzas políticas. Igrexas principiou por “recoñecer a clara vitoria do PSOE”, pero advertindo que “ningunha maioría absoluta por folgada que sexa é un cheque en branco para gobernar de costas ou en contra da veciñanza”. A este respeito, o BNG despregará unha posición "construtiva pero tamén firme e exixente para recuperar a democracia a nivel municipal con máis participación”. “O Goberno municipal que saia destas eleccións ten que entender que construír a cidade é tarefa de todos e todas, non só dun partido”, remachou.

Igrexas celebrou tamén o “desplome” do Partido Popular. “Alégranos ver como o PP de Feixóo, o do hospital privatizado, o que nega o centro de saúde á vila de Bouzas ou o instituto de Navia, foi censurado polas viguesas e os vigueses”. Un retroceso que para o nacionalista anticipa o desenlace das próximas eleccións autonómicas. “Estou seguro de que as viguesas e os vigueses empurraremos un cambio de goberno para acabar con esta Xunta nefasta que condenou ao abandono á principal cidade de Galiza”, acrecentou.

 

Ademais, o BNG cualificou de unha “moi boa nova” que forzas “españolistas da dereita máis ultra e reaccionaria”, como Ciudadanos e Vox non obtivesen representación na cidade olívica.