Xabier P. Igrexas: “O Concello ten que actuar para crear oportunidades en Vigo, con empregos e salarios dignos”

Xabier P. Igrexas e Maica Rivas xunto a parte da executiva da CIG
Xabier P. Igrexas e Maica Rivas xunto a parte da executiva da CIG

“Ninguén entende que na situación de emerxencia que atravesa a cidade se teñan destinado máis recursos en dous meses a luces e adornos que o que se destinou nun ano ao Plan Municipal de Emprego” denuncia o candidato do Bloque á alcaldía.

O BNG reafirma a súa aposta por volver facer de Vigo “o pulmón industrial de Galiza e a capital galega da innovación, a tecnoloxía e as comunicacións”. Propoñen duplicar o Plan Municipal de Emprego, redimensionar o Vigo Emprega e medidas específicas de apoio á mocidade e as mulleres.

Xabier P. Igrexas: “O Concello ten que actuar para crear oportunidades en Vigo, con empregos e salarios dignos”

O BNG mantivo esta mañá un encontro coa executiva comarcal da CIG para explicar as propostas da fronte nacionalista en materia de emprego de cara ás vindeiras eleccións municipais. Nos próximos días manterán tamén encontros coas direccións de CCOO e UGT. “O que lle trasladamos foi o firme compromiso do Bloque para poñer o Concello ao servizo de atender a principal necesidade que ten a cidade: o desemprego, a precariedade e a falta de oportunidades laborais”, resumiu, Xabier P. Igrexas, candidato á alcaldía ao remate do encontro.

A fronte nacionalista recorda que vivimos nunha cidade onde hai máis de 22 mil persoas no desemprego, con 10 mil postos de traballo menos que hai dez anos e na que segue habendo millares de mozas e mozos obrigados á emigración forzosa pola falta de oportunidades “malia sermos unha cidade con enormes potencialidades produtivas”, di Pérez Igrexas. Nese sentido, o candidato recorda que “a nosa proposta é clara, queremos un Vigo que sexa o verdadeiro pulmón industrial de Galiza, que sexa a capital galega da innovación, da tecnoloxía e da comunicación. A capital galega do futuro”, unhas medidas recollidas no amplo proxecto que presentou onte mesmo o BNG baixo o seu Programa Electoral

O candidato á alcaldía criticou a falla de sentido da prioridade que marcou, na súa opinión, os últimos catro anos de política municipal. “Ninguén entende que na situación de urxencia que atravesa a cidade, se teñan destinando máis recursos o ano pasado ás luces e aos adornos de nadal durante dous meses que o que se gastou en todo o ano 2018 no Plan Municipal de Emprego. É evidente que o Concello ten que facer moito máis do que está facendo”, denunciou Igrexas.

Propostas para crear emprego digno

 O Bloque propón duplicar o Plan Municipal de Emprego e despregar novos programas. Tamén apostan en redimensionar o Vigo Emprega garantindo contratacións de como mínimo un ano de duración e respeitando as condicións laborais fixadas polos convenios de aplicación. “É intolerábel que haxa persoas contratadas polo Concello [no Vigo Emprega] cobrando o salario mínimo e coas condicións do Estatuto dos Traballadores”, denunciou. Demandarán tamén a posta en marcha dun plan comarcal de reindustrialización, e pularán por desenvolver as potencialdiades da industria viguesa con medidas como o impulso ao centro de reparacións navais na ría de Vigo. “Hai que frear o proceso de desertización produtiva que padece a nosa cidade. Non podemos resignarnos a ver como sectores nos que fomos potencia mundial, como o naval, estean en situación de coma profundo. Vigo será industrial ou non será Vigo.”, acrecentou.

No ámbito da innovación, Igrexas chamou a desenvolver ao máximo o músculo que ten Vigo como “cidade universitaria e punteira”. “Se podemos poñer satélites en órbita, é claro que podemos ser a capital galega da innovación”, explicou. Como medida concreta defenden a creación dun Centro Metropolitano para o Impulso Tecnolóxico e o I+D+i que exerza de “motor da innovación viguesa”. 

Mocidade e mulleres

Pérez Igrexas acrecenta que a situación é moito máis urxente e crítica “singularmente no  desemprego xuvenil e feminino no que hai que poñer medidas reais con ideas claras mais tamén incentivando oportunidades arredor desa economía de futuro das tecnoloxías e das comunicacións: “Desde o Bloque Nacionalista Galego propoñemos a creación dunha sementeira de empresas e de proxectos de autoemprego que permitan á mocidade máis preparada da historia desenvolver proxectos que revertan a nivel económico e produtivo na cidade”, propón. “O Concello ten que axudar á mocidade a crear as súas propias oportunidades de emprego a través dunha liña de micro créditos municipais sen xuros con facilidades de pagamentos para que non sexa un atranco carecer dos recursos necesarios para implementar proxectos de carácter innovador”, remachou.