O BNG apoia o reclamo do Comité de Empresa para que o Sergas absorba o hospital Povisa 

  • A deputada Montse Prado interpelará o conselleiro de Sanidade e demandará que se declare “de interese público” o centro médico como primeiro paso para tomar o control desde o Sergas.

 

  • O portavoz municipal do Bloque en Vigo, Xabier P. Igrexas, criticou a reacción “cómplice” de PP e PSOE diante da posíbel compra de Povisa por un fondo voitre. “Para Alfonso Rueda e Abel Caballero parece que falamos do traspaso dunha cafetaría e non dun hospital que atende a 140 mil persoas da área sanitaria de Vigo”.
O BNG apoia o reclamo do Comité de Empresa para que o Sergas absorba o hospital Povisa 

O Bloque Nacionalista Galego expresou esta mañá o seu pleno apoio ao reclamo do Comité de Empresa de Povisa de que o Sergas absorba de maneira directa o hospital garantindo tanto a atención sanitaria como o persoal. Así o manifestaron esta mañá o portavoz municipal do Bloque en Vigo, Xabier P. Igrexas, e mais a deputada no Parlamento galego, Montse Prado, após a xuntanza que mantiveron cos representantes sindicais do centro hospitalario.

Xabier P. Igrexas criticou a reacción "cómplice" tanto do PP como do PSOE perante a eventual adquisición de Povisa por parte de Rivera Salud, grupo empresarial participado nun 90% por un fondo voitre. "Escoitando a Alfonso Rueda e Abel Caballero parecera que estamos falando do traspaso dunha cafetaría, cando en realidade do que es trata é dun hospital que atende a case 140 mil persoas da área sanitaria de Vigo e no que traballan case 1.500", retrucou o edil nacionalista. 

Igrexas lembrou ademais que "7 de cada 10 euros que ingresa Povisa proveñen de fondos públicos a través do concerto singular asinado co Sergas e que supón 75 millóns de euros cada ano", polo que defende que "claro que hai moito que dicir desde o público, porque isto non é apenas unha transacción mercantil entre actores privados". Aliás, o edil nacionalista reclamou o dereito de "todas as viguesas e vigueses a recibiren unha atención sanitaria 100% pública, universal, gratuíta e de calidade". 

Iniciativas no Parlamento

A fronte nacionalista interpelará o Goberno galego no Parlamento a través dunha interpelación da deputada Montse Prado, para demandar explicacións ao conselleiro de Sanidade, diante do "escándalo" que supón a operación "claramente especulativa" que está detrás da compra de Povisa. A este respeito, rexeitou as declaracións de responsábeis da Xunta asegurando que estarán “vixiantes” e lembrou que durante todos estes anos a empresa incumpriu deliberadamente o concerto coa súa conivencia. “Lembremos como este mesmo mes de xullo a dirección de Povisa daba instrución por escrito de aforrar en actuacións para os pacientes do cupo do Sergas e destinar ese tempo e eses recursos para mellorar a atención dos pacientes da privada”.

Prado anunciou que promoverán unha iniciativa para demandar da Xunta que "declare o hospital Povisa de interese público", como primeiro paso para poder tomar o control do centro e blindalo diante de calquera tentación de recortes. Nese sentido, a deputada lembrou que o BNG sempre apostou porque o Sergas absorbese Povisa para o incorporar na rede pública, garantindo tanto a atención sanitaria como o mantemento dos postos de traballo. "Non podemos entender como diante da opción de venda de Povisa por só 22 millóns o Sergas olla para outro lado para seguir pagándolle 75 millóns por ano", remachou. 

Prado denunciou que a política privatizadora do PP foi a que provocou deliberadamente que Povisa sexa imprescindíbel, polo momento, para garantir a atención sanitaria de toda a área. "Recortaron o Álvaro Cunqueiro  e practicamente desmantelaron o Meixoeiro para seguir xustificando a necesidade do concerto e despois foron aumentándoo co obxectivo de engordar o pelotazo da súa venda", acusou a nacionalista sinalando a "complicidade total" do Sergas cos actuais propietarios do centro médico.