O BNG critica a colocación de dúas grandes lonas con propaganda na sede da Xunta en Vigo

  • O concelleiro nacionalista, Xabier P. Igrexas, reprochou que se usen fondos e edificios públicos para propaganda partidista.
  • O BNG pide que a Xunta rectifique as súas políticas en Vigo, a comezar polos recortes educativos que afectarán a varios centros públicos da cidade.
O BNG critica a colocación de dúas grandes lonas con propaganda na sede da Xunta en Vigo

 O Bloque Nacionalista Galego criticou esta mañá a colocación de dúas lonas de grande formato na fachada exterior da sede da Xunta en Vigo. Nas lonas colocaronse dous anuncios sobre o lema “A Xunta con Vigo”, sobre o pretexto do copatrocinio da nova edición do Marisquiño.

“Se o Partido Popular quere instalar propaganda que o faga co seu diñeiro e instale valados na cidade, pero non pode usar recursos nin edificios públicos” reprochou o concelleiro do Bloque en Vigo, Xabier P. Igrexas.

Reverter os recortes educativos

Aliás, Igrexas instou o PP a poñer fin á política de “permanente abandono” que aplica a Xunta coa principal cidade de Galiza. “Se queren convencer á cidadanía de que a Xunta está con Vigo o que teñen é que emendar radicalmente as súas políticas”, reclamou o edil. 

“Teñen unha oportunidade para demostrar ese cambio de inmediato: que revertan os recortes educativos que van aplicar o vindeiro curso en varios centros da cidade, acrecentou. Neste sentido, o voceiro nacionalista mencionou expressmente a supresión de unidades educativas nos CEIP Valle Inclán e Eduardo Pondal.

Comisaria de propaganda

“É claro que Corina Porro non volveu a Vigo para exercer de Delegada da Xunta, se non a desempeñar como Comisaria de Propaganda do PP” reprochou Igrexas. “Parecenos moi ben que exerza ese papel, pero que non o faga cos cartos de todos e todas”, remachou.