O BNG denuncia a improvisación da Xunta e urxe solucións para o CEIP Castelao

_O responsábel local do Bloque, Serafín Otero, achegouse esta mañá o centro e mantivo un encontro con nais e pais.
_A fronte nacionalista demandará explicacións no Parlamento galego.

O BNG denuncia a improvisación da Xunta e urxe solucións para o CEIP Castelao

A demora nas obras de ampliación no CEIP Alfonso Daniel R. Castelao (no barrio de Navia), que imposibilitou o inicio do curso o pasado luns foi provocada pola “falla de previsión e inoperancia da Xunta”. Así o denunciou esta mañá o responsábel local do BNG, Serafín Otero, após deslocarse até o centro onde mantivo un encontro con nais e pais. 

castelao01Otero, puxo de relevo o enorme prexuízo provocado pola “falla de rigor e capacidade de resposta” da Xunta. “As familias levan semanas advertindo a través da ANPA á Xefatura Territorial de Educación de que de non se tomar medidas non ía ser posíbel iniciar o curso con plenas garantías de salubridade e seguranza para o alumnado. Porén, a resposta foi a que sempre dá o Partido Popular: evasivas e non asumir as súas responsabilidades”, criticou Otero.

Ademais de impedir o inicio normal do curso, o estado das obras e a falla de limpeza provocou que tampouco se puxera en marcha o servizo de aulas matinais nin de comedor, co impacto que iso ten na organización das familias e na conciliación laboral. 

Desde o BNG urxen que se adopten solucións definitivas que poñan fin aos “temores fundados” das familias. “É comprensíbel que ao ver un guindastre desas dimensións a carón dun edificio e cando principia o mal tempo, as nais e pais teman que poida pasar algo grave”, alertou. Nese sentido, a fronte nacionalista anticipou a súa intención de demandar explicacións sobre este asunto no Parlamento galego. 

“A Xunte ten que actuar para asegurar a plena seguridade e limpeza das dependencias escolares. É escandaloso ter que lembrarllo, pero o máis escandaloso é que non o faga”, remachou Otero que trasladou o pleno apoio do BNG á ANPA do colexio.