O BNG urxe o reforzo do servizo de urxencias do CHUVI  para evitar novos colapsos

chuvi
Vista dos corredores de urxencias no HAC [Imaxe: Vigoé]

_A fronte nacionalista demanda tamén a apertura de dous novos Puntos de Atención Continuada para as zonas de Navia-Coia e Teis.

O BNG urxe o reforzo do servizo de urxencias do CHUVI  para evitar novos colapsos

A situación de colapso do servizo de urxencias do complexo hospitalario universitario de Vigo (CHUVI) que se está a vivir nos últimos días, pon de manifesto para o BNG “as consecuencias da nefasta política sanitaria da Xunta de Galiza e do desmantelamento da sanidade pública que promove o Partido Popular”. Para a fronte nacionalista é “intolerábel que decenas de persoas fiquen á espera de cama de ingreso, e que moitos e moitas pacientes teñan que soportar grandes esperas para seren atendidas”. 


Diante das explicacións ofrecidas por parte da Xerencia do CHUVI e de responsábeis do Sergas, o Bloque defende que é “urxente un xiro radical na política sanitaria da Xunta de Galiza”. Do contrario, aseguran, estarase a poñer en risco a saúde da poboación. “A Xunta de Persoal e os sindicatos teñen advertido de maneira reiterada da falla de planificación e dos recortes en persoal sanitario que son causa destes colapsos e que prexudican enormemente a calidade asistencial, pero a resposta do Partido Popular é seguir a teimar no desmantelamento da sanidade pública galega”, denuncia o responsábel local do BNG de Vigo, Serafín Otero.


Nese sentido, as nacionalistas urxen a reforzar “con carácter inmediato” tanto o servizo de urxencias como o conxunto de servizos do hospital Álvaro Cunqueiro e mais do Meixoeiro, para asegurar unha oferta de camas suficiente e unha maior axilidade e calidade na atención. “Mentres teñen pacientes de urxencia a esperar durante horas permítense o luxo de converter unha planta completa dun hospital nun plató de televisión. É insultante”, denuncia Otero.


REFORZAR TAMÉN ATENCIÓN PRIMARIA CON DOUS NOVOS PAC


Para alén de dotar do persoal sanitario necesario o servizo de urxencias, desde o BNG poñen o foco tamén en que a masificación deste está relacionada coa “precarización” da atención primaria. A este respeito, reiteran a proposta de dotar a Vigo de dous novos Puntos de Atención Continuada (PAC), nas zonas de Navia-Coia e Teis, tal e como demandaron a través dunha emenda por importe de 2 millóns de euros aos orzamentos da  Xunta para 2018.


“Vigo conta neste momento cun único Punto de Atención Continuada, no antigo Xeral, despois do fechamento do da rúa Bolivia e Coia. O propio persoal sanitario ten pleno coñecemento de que unha parte importante dos casos que acaban nas urxencias hospitalarias poderían ser pefectamente atendidas na atención primaria, e para iso xogan un papel chave os PAC, sobre todo nun contexto no que os centros de saúde están ao límite das súas capacidades asistenciais”, explica Otero.

O BNG urxe o reforzo do servizo de urxencias do CHUVI  para evitar novos colapsos