O BNG de Vigo propón á  Xunta facerse co control de Vulcano para garantir a súa continuidade e o emprego

  • O concelleiro Xabier P. Igrexas denunciou que a liquidación do estaleiro centenario demostra a “absoluta ausencia dunha política industrial” no noso País, e responsabilizou o Goberno de Feixóo pola súa continuada inacción.
  • A fronte nacionalista defende que a construción naval é un sector estratéxico e alerta de que a desaparición de Vulcano sería unha “forte mazada” para a industria auxiliar.
O BNG de Vigo propón á  Xunta facerse co control de Vulcano para garantir a súa continuidade e o emprego

O proceso de liquidación de Vulcano que se vén de iniciar é para o BNG de Vigo a demostración da “absoluta ausencia dunha política industrial por parte da  Xunta de Galiza”. Así o sinalou esta mañá o concelleiro Xabier P. Igrexas, quen cualificou de “insultante” que desde o Goberno galego se teña afirmado que se “fixo todo o posíbel” por Vulcano, cando estaleiro viuse abocado a unha liquidación que podería provocar o seu feche definitivo.

“Desde o BNG volvemos urxir que desde a Xunta se actúe, que exerza de verdade as súas competencias, que o Goberno galego de Feixóo e do PP deixe de ignorar as necesidades do tecido produtivo e industrial da nosa cidade e da nosa comarca”, reclamou o portavoz municipal.

O nacionalista remarcou a importancia do sector para a industria e mais a economía viguesas. “A construción naval é unha actividade estratéxica, un sector clave para a economía de Vigo e da súa área, e por iso o que demandamos é que se tomen medidas para evitar que Vulcano desapareza”, apuntou. 

Control público

Neste sentido, o Bloque propón que se poña baixo control público o estaleiro se desde a iniciativa privada non se garante a súa continuidade. “Se desde o capital privado, que xa se demostrou na propiedade actual de Vulcano incapaz de poñer en marcha as enormes potencialidades dun estaleiro punteiro, non se é capaz de volver poñelo en marcha, o que pedimos desde o BNG é que Vulcano se converta nun estaleiro público ou semipúblico como os que xa existen noutras rías galegas e noutras áreas do Estado”, explicou Igrexas. 

O edil nacionalista engadiu que Vulcano “reúne as condicións técnicas e loxísticas” para poder albergar o tan reclamado Centro de Reparación Naval da  Ría de Vigo. “Nun momento no que o sector naval vive preso das subas e baixas na demanda de buques de nova factura, a reparación naval permitiría estabilizar a produción e o emprego, dotando de maior garantía de futuro o conxunto do sector”, acrecentou alertando de que o feche do estaleiro suporía unha “forte mazada” para a industria auxiliar.

Garantir o emprego

Para o nacionalista o principal obxectivo é garantir os postos de traballo. “Hai que garantir, si ou si, que o novo titular do estaleiro, sexa de capital privado ou sexa baixo control público, asuma a subrogación da totalidade do cadro de persoal. Todos os operarios e operarias que durante meses dedicaron o mellor de si propios, cun esforzo económico evidente, con meses sen cobrar, con situacións familiares límite, non poden quedar tirados e tiradas por falla de actuación política”.

Tivo Igrexas tamén reproches diante da política “cosmética” que na súa opinión ten despregado a Xunta en relación ao sector naval. “O naval deféndese con feitos, non con palabras, nin con promesas ocas, como nos ten acostumados Feixóo prometendo pedidos que nunca se verifican, prometendo cargas de traballo que nunca chegan e agora atrevéndose a dicir que fixeron todo o posíbel, cando o que demostra Vulcano é a falla dunha política industrial galega”, remachou.