O BNG de Vigo urxe a reconstrución e remodelación da lonxa de Canido 

[Foto: Vigoe]
[Foto: Vigoe]
  • Para o concelleiro, Xabier P. Igrexas, que a Xunta inda non teña iniciado a elaboración do proxecto é unha mostra da “absoluta desidia do PP con Vigo”.
  • A fronte nacionalista pide que a remodelación teña en conta as achegas do sector para unha nova lonxa “moderna e funcional”. 
O BNG de Vigo urxe a reconstrución e remodelación da lonxa de Canido 

O BNG urxiu esta mañá a Xunta de Galiza a elaborar “de inmediato” o proxecto para a reconstrución e remodelación da lonxa de Canido. Para concelleiro do Bloque en Vigo, Xabier P. Igrexas, o feito de que o Goberno galego inda non teña iniciado a elaboración do mesmo, cando se veñen de cumprir seis meses do desplome da cuberta da lonxa que provocou o seu feche, é unha mostra máis da “absoluta desidia da Xunta do PP coa cidade de Vigo”. 

Igrexas lembrou que a lonxa aforraba uns custosos desprazamentos até o Berbés e dinamizaba o conxunto da parroquia de Oia. Emporiso, o voceiro nacionalista criticou que medio ano despois a Xunta se limite a dicir que a finais de 2019 ou inicios do 2020 se contará co proxecto. “Canto tempo máis van ter a lonxa inutilizada? Que fixeron durante estes seis meses?”, inquiriu. “O único que van facer é derrubar, tarde, unha estrutura colapsada e obrigar ao sector a seguir agardando indefinidamente”, reprochou. 

Proxecto

O edil demandou que o proxecto de reconstrución inclúa tamén a remodelación da lonxa, e que na súa elaboración se teñan en conta as achegas do sector e, nomeadamente, da Confraría. “Canido merece unha lonxa moderna, funcional e operativa, que permita reactivar a actividade pesqueira e que volva dinamizar a súa contorna”, reclamou.