Xabier P. Igrexas: “É insultante que o Sergas peche 3 de cada 10 camas hospitalarias en Vigo cunhas listas de agarda insoportábeis”.

meixoeiro
[Foto: Galiciapress]
  • O concelleiro do BNG urxe a que o Sergas rectifique esa decisión para garantir unha atención sanitaria de calidade tamén durante o período estival.
  • A fronte nacionalista volve demandar que se reverta o modelo privatizador imposto polo PP no hospital Álvaro Cunqueiro, cando se veñen de cumprir catro anos da súa posta en marcha.
Xabier P. Igrexas: “É insultante que o Sergas peche 3 de cada 10 camas hospitalarias en Vigo cunhas listas de agarda insoportábeis”.

Vigo, 18 de xuño de 2019.- Para o concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas é “insultante” a decisión do Sergas de pechar durante o período estival “case 3 cada 10 camas hospitalarias” no CHUVI, precisamente cando se veñen de coñecer os datos de listas de agarda na área sanitaria, nos que se rexistran demoras de até 80 días no hospital Álvaro Cunqueiro, “case dúas semanas máis que en hospitais doutras cidades galegas”.

Igrexas puxo o foco en que a redución de camas ditada polo Goberno galego do Partido  Popular suporá na práctica “case o peche total” do Meixoeiro e unha importante merma no  HAC, con velas completas sen servizo. Por iso urxiu a que se rectifique un feche que cualifica de “irracional e inxustificado que só vai poñer inda máis en risco a saúde das persoas”.

“As viguesas e os vigueses, o conxunto da poboación da área sanitaria de  Vigo, temos dereito a unha atención sanitaria de calidade durante todo o ano. Porque en verán, inda que ao mellor Feixóo non o sabe, tamén se enferma”, reprochou o edil. Para o nacionalista manter abertas as camas en lugar de fechalas, así como un maior ritmo na axenda de quirófanos, sería “unha magnífica maneira de conseguir reducir esas listas de agarda que nos colocan 20 días por acima da media galega”.

 Camas en corredores

Igrexas sostén que “as políticas de continuado recorte de sanidade pública, de continuados axustes, de reducir os servizos, acaban por ter un impacto claro na calidade asistencial, mais tamén obviamente na saúde das viguesas e dos vigueses, que durante 3 meses van contar con menos camas”.

Neste sentido, alertou de que o feche previsto abocará con toda seguridade a que “volvamos ver esas situacións lamentábeis con moitas camas en corredores do hospital á espera de que se liberen de pacientes camas que están ocupadas en planta” e remarcou que o HAC dispón de espazo suficiente e que o único que se necesita é que se dote do persoal necesario para atender esas camas.

Reverter o modelo privatizador

O BNG urxe tamén, coincidindo cos 4 anos da súa apertura, a reversión do modelo privatizador “que o Partido Popular impuxo no novo hospital da cidade”. “Temos un hospital cunha xestión privada nos servizos non sanitarios que está a repercutir tamén na calidade asistencial e que padecen tanto doentes como as súas familias”, denunciou Igrexas, poñendo o exemplo dos aparcamento privado de pago ou do deficiente servizo de comidas.

Xabier P. Igrexas: “É insultante que o Sergas peche 3 de cada 10 camas hospitalarias en Vigo cunhas listas de agarda insoportábeis”.