Xabier P. Igrexas: "A onde tiña que vir Feixóo era ás portas de Vulcano a explicarlle aos traballadores porque un estaleiro centenario vai botar o feche"

  • O concelleiro do BNG en Vigo acompañou os traballadores de Vulcano que iniciaron hoxe unha marcha reivindicativa desde a cidade olívica até Compostela.

 

  • A fronte nacionalista reitera a petición dunha “intervención pública” que garanta a continuidade do emprego e da actividade no estaleiro. 
Xabier P. Igrexas: "A onde tiña que vir Feixóo era ás portas de Vulcano a explicarlle aos traballadores porque un estaleiro centenario vai botar o feche"

O concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, acompañou esta mañá ao grupo de traballadores de Vulcano que iniciaron unha marcha reivincativa a pé até Compostela para esixir da Xunta que cumpra os compromisos adquiridos de manter a actividade e o emprego. Ás portas do estaleiro, en declaracións aos medios de comunicación, Igrexas lamentou que o presidente da Xunta volvese estar na cidade "de paseo", en alusión á súa visita a Conxemar, en troca de se reunir co plantel da factoría. "A onde tiña que vir Feixóo era ás portas de Vulcano a explicar aos traballadores porque un estaleiro centenario vai botar o feche", reclamou.

O edil nacionalista volveu denunciar que a situación límite, ao bordo da desaparición na que se atopa Vulcano, e as dificultades que agora atravesa Barreras e a industria auxiliar do naval, responden á falla dunha verdadeira política industrial por parte do Goberno galego. "A súa única política é a desertización industrial da nosa comarca. En lugar de poñer todos os medios e de exercer todas as competencias para activar as enormes potencialidades produtivas de Vigo e a súa área, a Xunta prefire sempre ollar para outro lado", reprochou. Neste sentido, Igrexas volveu esixir unha "intervención pública decidida" para manter o emprego e a actividade en Vulcano. "Porque a ría de Vigo non pode ter un estaleiro público ou semipúblico, como noutras partes de Galiza e do Estado? Porque non pode ser Vulcano a base do tantas veces demandando centro de reparacións navais?" inquiriu.

O portavoz municipal do Bloque acompañou durante un treito da súa camiñada polo barrio de Teis a marcha dos traballadores que agradeceron a súa presenza, salientando que foi o único representante político que se achegou a lles expresar o seu apoio e alento.