Imprimir

Ana Pontón pide a Feixóo que mude a política sanitaria e non xogue coa saúde de todos e todas as galegas

BNG Vigo | 26 de decembro de 2018

Ana Pontón e Xabier P. Igrexas en rolda de prensa
Ana Pontón e Xabier P. Igrexas en rolda de prensa

Fai un chamamento á participar  na manifestación de Vigo en defensa da Sanidade pública e contra os recortes e privatizacións do Partido Popular

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón participou hoxe na cidade de Vigo, no acto de presentación da campaña en defensa da Sanidade pública galega e apoio á manifestación que terá lugar, mañá xoves 27 na cidade olívica contra os recortes e privatizacións.

A portavoz do BNG cualificou de “irresponsable” unha política que xoga coa saúde das persoas , pero o PP e Feixóo, dixo,  continúan na senda das privatizacións e recortes como acontece en Vigo con 400 camas menos no Hospital Álvaro Cunqueiro. Un hospital, que por outra banda  vai costar a todos os galegos e galegas “tres veces máis”  porque o PP impediu que fose   unha infraestrutura pública.

A nacionalista salientou que  a dimisión de 25 Xefes de servizo na Área sanitaria de Vigo de Atención primaria  son  o resultado  do malestar dos e das profesionais que non poden administrar “a miseria” á que está conducindo o Partido popular a nosa sanidade.

Pontón criticou duramente as declaracións de Feixóo referíndose a tensión que está creando a oposición ao que a nacionalista replicou que “non é a oposición quen tensiona a sanidade, esa tensión a provoca a política que recorta medios, persoal médico e sobre todo quen non ten capacidade  para  dialogar e escoitar os problemas dos profesionais”.

Ás dimisións dos xefes de Área, Pontón sumou a folga no CHUS e nos PACs. Todo o malestar das persoas que non poden pagar os medicamentos, que chaman para pedir cita e que tardan catro ou cinco días para acudir á Atención Primaria, ou  non a conseguen  porque hai miles de citas nun caixón, teñen que emerxer nas rúas de Vigo para dicir alto e claro que non imos  consentir que Núñez Feixóo siga xogando coa sanidade pública.

O BNG PIDE DESTINAR 200 M€ PARA CONTRATOS EN  ATENCIÓN PRIMARIA

Neste sentido, Pontón avogou por un plan en Atención primaria con  200 millóns de euros para contratar máis persoal acompañado dun plan de estabilidade para todas esas persoas que traballan en precario así como facilitar o retorno dos e das profesionais que se viron obrigados a buscar traballo fora da Sanidade pública e do noso país. “Resulta evidente que o Consellerio  de sanidade é parte do problema pero non chega coa súa dimisión, é necesario cambiar a política sanitaria”, concluíu.

PÉREZ IGREXAS DENUNCIA OS RECORTES SANITARIOS DE VIGO

Pola súa parte, o candidato do BNG á Alcaldía de Vigo, Xabier Pérez Igrexas manifestou que Vigo é un  exemplo de como a  política do Partido popular é unha “seria ameaza para a saúde”. As políticas de privatizacións e recortes provocan  unha sanidade en estado de “emerxencia”, nunha área sanitaria cun grande incremento de citas, 190.000 no ano pasado, máis que no 2014 en Atención primaria, mentres  a Xunta e o Sergas persisten  nun recorte continuado.

Pérez Igrexas, ao igual que a portavoz nacional, fixo un chamamento a participar na mobilización de mañá. Para nós, afirmou, a mensaxe é rotunda “a sanidade é un dereito  irrenunciable” e criticou  que  o goberno de Feixóo inxecte cada ano “150 millóns de euros en empresas privadas”. Dende o BNG, reiterou Pérez Igrexas, seguiremos pedindo máis medios e persoal e sobre todo unha política sanitaria que respecte o dereito á saúde fronte os concertos privados do Hospital Álvaro Cunqueiro e Povisa.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/novas/ana-ponton-pide-feixoo-mude-politica-sanitaria-non-xogue-coa-saude-todos-todas-galegas/20181226154039003907.html


© 2019 Bloque Nacionalista Galego de Vigo

Bloque Nacionalista Galego de Vigo

Rúa Celso Emilio Ferreiro 3, baixo
36203, Vigo (GALIZA)
Teléfono: 986447300
Correo: vigo.cidade@bng.gal 

facebook twitter youtube whatsapp telegram instagram flickr