Imprimir

Bará asegura que o 12X hai partido porque “só falta un escano para mandar á oposición ao Partido Popular

BNG de Vigo | 25 de xuño de 2020

O cabeza de lista insta ao electorado de Vigo a mobilizarse e ser chave na apertura dun tempo novo na Xunta da man do BNG de Ana Pontón

Subliña que Vigo debe ser o grande motor do desenvolvemento de Galiza e debe ter un goberno aliado e non inimigo, como aconteceu ata o de agora polas liortas partidistas entre o PP e o PSOE

 

O cabeza de lista do BNG pola provincia de Pontevedra, Luís Bará, asegurou hoxe  que a candidatura nacionalista comeza a conta atrás da campaña das eleccións do 12X con grandes expectativas, confianza, decisión e moito optimismo “porque entendemos que hai partido, non está nada decidido e abonda con que o Partido Popular perda un escano para que perda a maioría absoluta”.

Bará destacou que hai unha tendencia de crecemento espectacular do BNG que ademais -segundo a enquisa do CIS- amosa que o Bloque é a segunda forza en intención directa de voto por riba do Partido Socialista, cun liderado forte e potente na figura de Ana Pontón, “que é a verdadeira alternativa ao Partido Popular de Feixóo”. O cabeza de cartel destacou que estamos ante dúas semanas decisivas: “Comeza a conta atrás para acabar co goberno do PP, da dereita na Xunta, e tamén para vencer o centralismo que afoga o noso país e tamén para facer historia poñendo a Ana Pontón como a primeira presidenta da historia de Galiza”, dixo.

“O cambio é necesario e é posible se hai unha grande mobilización. Temos que vencer a resignación, a desmobilización e a baixada da participación en forma de abstención. Se hai unha grande participación no voto urbano, no voto xoven, no voto de vilas e cidades é posible este cambio e o liderado do BNG para abrir un tempo novo na Xunta de Galiza que sexa tamén un tempo novo para Vigo”, subliñou.

En clave local, Bará destacou que Vigo debe ser un grande motor de desenvolvemento de Galiza que ten que contar cun goberno aliado ao frente da Xunta e non un inimigo como ata o de agora “polas liortas partidistas entre o Partido Popular e o Partido Socialista”. Vigo debe liderar, segundo subliñou, o conxunto de Galiza e sobre todo a súa área metropolitana arredor dun polo de innovación tecnolóxico e tamén do desenvolvemento industrial “que é o gran futuro que ten por diante”.

“O BNG está convencido de que vai dar un grande salto adiante na área de Vigo e que este grande crecemento vai ser clave na derrota do Partido Popular, por iso saímos a por todas nestas eleccións, para gañar, para situar a Ana Pontón, que é a opción de esperanza para o país, á fronte da Xunta e teñamos un goberno á altura dun gran país como é Galiza”, finalizou.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/novas/bara-asegura-12x-hai-partido-porque-so-falta-escano-mandar-oposicion-ao-partido-popular/20200625205911004587.html


© 2020 Bloque Nacionalista Galego de Vigo

Bloque Nacionalista Galego de Vigo

Rúa Celso Emilio Ferreiro 3, baixo
36203, Vigo (GALIZA)
Teléfono: 986447300
Correo: vigo.cidade@bng.gal 

facebook twitter youtube whatsapp telegram instagram flickr