O Bloque ampliará a rede de bibliotecas de barrio e promoverá o uso do galego

O Bloque ampliará a rede de bibliotecas de barrio e promoverá o uso do galego

Serafín Otero cualifica de “nefasta” a política cultural dos últimos catro anos de goberno socialista en Vigo e animou aos vigueses e viguesas a participar na mobilización de Queremos Galego do vindeiro domingo

 

rolda cultura librería cartabónVigo, 14 de maio de 2015.- O candidato do BNG – Asembleas Abertas, Serafín Otero, defendeu, nunha rolda de prensa na librería Cartabón, a necesidade de potenciar a cultura e o uso do galego con medidas concretas como o desenvolvemento da rede de bibliotecas de barrio e parroquias, posta en marcha polo BNG coa biblioteca Neira Vilas, e o cumprimento da Lei de Normalización Lingüística.

“Para o BNG – Asembleas abertas a cultura e a potenciación do uso do galego sempre foi unha cuestión de máxima importancia”, subliñou Serafín Otero, quen criticou a “nefasta” política cultural desenvolvida polo actual goberno local nos últimos catro anos, cualificándoa de “moi negativos para a cultura na nosa cidade”.

Neste sentido fixo referencia á redución dos orzamentos nesta área, o desmantelamento dos programas que xa existían, así como a privatización e o retroceso na aposta por tecer unha rede cultural nos barrios e parroquias da cidade. O candidato nacionalista puxo a escolla de Mario Vaquerizo como exemplo das prioridades culturais do goberno municipal.

Serafín Otero salientou que as medidas que propón o Bloque, fronte a esta situación, consisten, entre outras medidas, no compromiso a ampliar a rede de bibliotecas de barrio e de parroquias. Ao respecto criticou a paralización da dotación de novos locais e lembrou que a primeira biblioteca desta rede, a Neira Vilas, no Calvario, foi posta en marcha en 2011 polo BNG cando tivo responsabilidades neste eido.

Casa do Patín

Tamén recordou que no 2011 o Concello adquiriu a Casa do Patín en Bouzas para continuar a rede de bibliotecas de proximidade. Considerou fundamental o impulso deste proxecto, non só para quen quere utilizar as bibliotecas para ler, senón tamén para que a xente moza poida estudar.

rolda cultura cartabón2

Otero fixo referencia as pequenas bibliotecas e espazos de lectura que existen nos centros veciñais dos barrios e que en moitos casos están fechados ou sen actividade por falla de medios humanos e materiais. “Integraremos asemade estas instalacións na nosa rede”, afirmou, ao tempo que salientou que o BNG contempla a posta en marcha dun plan de animación á lectura.

Por outro lado, indicou que outro dos obxectivos do Bloque é potenciar a cultura nos diferentes barrios da cidades. “Queremos facer unha rede cultural nos barrios e as parroquias, apoiándoa economicamente”, destacou. Neste sentido fixo fincapé na “fabuloso” labor que fan as propias asociacións culturais das parroquias, que considerou que debe ser a base para levar adiantes propostas culturais participativas. Ao seu xuízo, este traballo das diferentes asociacións culturais “sería moi difícil que fose o propio Concello quen se encargara de facelo”.

Normalización lingüística

“Tamén queremos denunciar a actitude do goberno a respecto do idioma”, salientou Otero por outro lado. Ao respecto subliñou a importancia de potenciar a nosa lingua, que na actualidade conta cunha comunidade internacional de case 270 millóns de falantes en todo o mundo.

Segundo considerou, o descenso no número de falantes pon en evidencia a urxente necesidade de impulsar políticas públicas que promovan o uso do galego, e de garantir o cumprimento da ordenanza de Normalización Lingüística e desenvolvendo o Plan de Dinamización Lingüística do Concello de Vigo.

“Cómpre desenvolver políticas centradas na potenciación do uso do galego, especialmente entre a xente moza”, destacou o candidato do BNG, quen asemade destacou a necesidade de desenvolver ofertas de lecer en galego, atractiva e de calidade. Finalmente fixo un chamamento a participar na manifestación de Queremos Galego o vindeiro domingo, que sairá do cruce de Vía Norte con Urzáiz ás 12 horas.

 

O Bloque ampliará a rede de bibliotecas de barrio e promoverá o uso do galego