O BNG comprométese a reverter a privatización sanitaria na área de Vigo

hac
hac

Xabier P. Igrexas: “A sentenza do TSXG que obriga a pagar o IBI confirma que o Álvaro Cunqueiro non é un hospital público”.

A fronte nacionalista chama a defender unha “sanidade 100% pública” nas urnas o próximo 5 de abril co compromiso de rescatar a concesión do HAC e avanzar na absorción de Povisa polo Sergas.

 

O BNG comprométese a reverter a privatización sanitaria na área de Vigo

O Bloque Nacionalista Galego valorou esta mañá o fallo do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza que recoñece a obriga de que o hospital Álvaro Cunqueiro pague o IBI. Esta sentenza confirma, segundo as nacionalistas, que o HAC “non é un hospital público” e desmonta a campaña de “propaganda e falsidades do Partido Popular”.

O portavoz municipal do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, denunciou que a “política de recortes e privatizacións aplicada pola Xunta do PP converteu a cidade de Vigo e a súa área sanitaria na zona cero da desfeita sanitaria”. Igrexas cargou con dureza contra o modelo “ruinoso” imposto polo Goberno galego de Núñez Feixoo e que supuxo triplicar o custo do novo hospital até os 1400 millóns de euros. “Cada ano o Sergas destina 150 millóns de euros de diñeiro público aos petos de empresas privadas” alertou, facendo referencia ao canon anual que se abona á UTE propietaria do HAC e mais ao concerto singular de Povisa.

“As viguesas e os vigueses non podemos seguir sendo pacientes de segunda”, reclamou o edil nacionalista. Neste sentido, Igrexas subliñou o “compromiso firme” do BNG para reverter a privatización e os recortes aplicados na área sanitaria de Vigo, a través de medidas como o rescate da concesión do Hospital Álvaro Cunqueiro e a absorción de Povisa polo Sergas.

Desde a fronte nacionalista defenden que as eleccións galegas do vindeiro 5 de abril son unha oportunidade para defender nas urnas o dereito “irrenunciábel” a unha “sanidade cento por cento pública, universal, gratuíta e de calidade”, polo que chaman a traducir o masivo rexeitamento contra a política sanitaria do PP nun “apoio contundente” ao proxecto de “cambio galego” que representa o BNG para que “a saúde deixe de ser unha mercadoría”. 
O BNG comprométese a reverter a privatización sanitaria na área de Vigo