Imprimir

O BNG cualifica de “grave atropelo antidemocrático” o decreto que impediu votar a varios bombeiros o 26M

BNG Vigo | 27 de maio de 2019

O concelleiro electo do Bloque en Vigo, Xabier P. Igrexas, criticou con dureza o decreto “ilegal e arbitrario” co que o Goberno municipal restrinxía a dispoñibilidade horaria para que varios operativos puidesen votar o 26M.


Igrexas volveu esixir a convocatoria e resolución das OPE pendentes para garantir que a cidade conta cun mínimo de 150 bombeiros e bombeiras.

O concelleiro electo do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, transmitiu esta mañá a representantes sindicais do colectivo de bombeiros da cidade o pleno apoio e solidariedade da formación nacionalista. Fíxoo despois de coñecer que varios non puideron exercer o seu dereito fundamental a voto nas eleccións municipais de onte por causa dun decreto do Goberno municipal. 

Igrexas cualificou de “grave atropelo antidemocrático” o decreto, comunicado ás 10 da mañá da propia xornada electoral, sen a preceptiva antelación de 24 horas, e que restrinxía a dispoñibilidade horaria dos operativos mobilizados “coa clara intención de dificultar ou mesmo de evitar que puidesen votar”. 

Para o referente nacionalista ese “decretazo ilegal e arbitrario” constitúe unha represalia en contra dun colectivo que leva semanas a se mobilizar exixindo “non só melloras laborais senón, sobre todo, melloras no servizo público que prestan a todas as viguesas e vigueses”.

“O que merecen os bombeiros e merece a cidade non é un decretazo para castigalos sen votar, senón que se convoquen e resolvan de maneira inmediata as OPE pendentes de 2017, 2018 e 2019, para garantir que Vigo conta como mínimo con 150 operativos no seu corpo de bombeiros e bombeiras”, volveu reclamar Igrexas.
 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/goberno-local/bng-cualifica-grave-atropelo-antidemocratico-decreto-impediu-votar-varios-bombeiros-26m/20190527190755004134.html


© 2019 Bloque Nacionalista Galego de Vigo

Bloque Nacionalista Galego de Vigo

Rúa Celso Emilio Ferreiro 3, baixo
36203, Vigo (GALIZA)
Teléfono: 986447300
Correo: vigo.cidade@bng.gal 

facebook twitter youtube whatsapp telegram instagram flickr