O BNG defende que a peonalización de O Castro debe inserirse nun plan global de mobilidade

O BNG defende que a peonalización de O Castro debe inserirse nun plan global de mobilidade

A portavoz municipal nacionalista, Iolanda Veloso, demandou ao alcalde que cumpra o acordo do pleno celebrado o luns e acometa a peonalización do monte de O Castro. En resposta aos medios sobre os problemas de aparcamento que supón esta decisión destacou que cómpre estudar como levar adiante esta iniciativa, falando cos propios usuarios, mediante as melloras do transporte colectivo e dos aparcamentos públicos.

Segundo destacou Iolanda Veloso, este problema de aparcamento existe, “pero está inserido na falta dun plan de mobilidade”, que se traduce en problemas no transporte colectivo e problemas dos aparcamentos públicos e as súas tarifas. “Nós levamos tempo pedindo a remodelación das liñas de transporte, porque as actuais non responden ás necesidades da cidadanía”, lembrou.

Para a portavoz municipal do Bloque, as persoas que actualmente aparcan non monte de O Castro “efectivamente teñen que ter alternativas mediante aparcamentos públicos e melloras no transporte colectivo”. Segundo subliñou “se tiveramos unha rede de transporte colectivo que funcionase e aparcamentos disuasorios non teriamos que traer os coches ao centro e aparcar nun monte”.

Repetición da historia

Iolanda Veloso asegurou que a respecto das peonalizacións “repítese a historia”, tal e como aconteceu nas humanizacións da praza da Independencia e O Calvario. “As dúas foron rexeitadas tanto polo PSOE como polo PP e as dúas foron positivas desde todos os puntos de vista, tanto de calidade de vida do barrio como comercial”, salientou.

“Pensan que O Castro non é un parque senón un parking, pero é tan evidente que O Castro é un parque que cómpre potenciar que nin PP nin PSOE se atreveron a votar en contra”, subliñou a respecto da votación da proposta formulada polo BNG, que foi aprobada cos tres votos do grupo nacionalista e a abstención de PP e PSOE.

Desleixo absoluto

Por outro lado comentou que outra das demandas que figura na moción é a reapertura do do depósito arqueolóxico, cuxo peche considerou que se enmarca nos recortes de persoal e dos servizos culturais que está acometendo este goberno municipal. O Castro, a Casa Galega da Cultura, a Pinacoteca ou o Verbum son algúns dos exemplos que citou a portavoz nacionalista.

“É unha mágoa que ao alcalde non se lle vexa interesado nesta proposta, porque é unha oportunidade de recuperar o monte para a cidadanía”, sinalou Iolanda Veloso, ao tempo que asegurou que “seguiremos insistindo”, posto que é “unha anomalía” que un parque como este estea tomado polos coches. “Estamos diante dun desleixo absoluto e unha total falta de interese pola cultura da nosa cidade”, considerou.

O BNG defende que a peonalización de O Castro debe inserirse nun plan global de mobilidade