O BNG defende en Vigo o dereito de Galiza a producir e chama a consumir leite galego

O BNG defende en Vigo o dereito de Galiza a producir e chama a consumir leite galego

A deputada Carme Adán denuncia a inacción da Xunta á hora de defender un sector estratéxico.

O coordinador da Federación Rural Galego exixe unha solución para a emerxencia do sector afogado por prezos por baixo de custes.

Urxen a demisión da Conselleira de Sanidade logo da manifestación multitudinaria de onte en defensa da sanidade pública.

leiteVigo, 4 de setembro de 2015.- O Bloque Nacionalista Galego realizou esta mañá un acto público ás portas do mercado do Calvario para denunciaren a grave situación que atravesa o sector leiteiro galego. Unha acción que se enmarca na campaña que a fronte nacionalista leva semanas a desenvolver en apoio ao sector coincidindo coas súas mobilizacións por todo o país.

A deputada no parlamento galego, Carme Adán, interviu para denunciar a “absoluta inacción” do Partido Popular desde o Goberno galego diante da crise dun sector que para Galiza ten “carácter estratéxico”. Adán reivindicou o dereito a “producir na nosa terra” e fixo referencia á grande mobilización de gandeiros e gandeiras que onte tivo lugar na cidade de Lugo. A deputada nacionalista apelou á veciñanza a se implicar no conflito. Neste senso, apuntou a importancia de consumir leite e produtos lácteos producidos no noso país para evitar o seu desmantelamento. “Como consumidoras temos unha responsabilidade moi grande para non caer na trampa das grandes áreas comerciais, cando comercializan a moi baixos prezos leite de fóra de moi mala calidade” chamou.

vaca1Canda Carme Adán tomou a palabra Manuel Dacal, coordenador xeral da Federación Rural Galega (Fruga), quen enfatizou as “especifidades” da crise do leite para Galiza. Dacal lembrou que o noso país é o primeiro produtor leiteiro do Estado español. “Producimos o 40% de todo o leite do Estado e o 50% das explotacións están aquí” exemplificou para salientar o grave alcance da crise para as gandeiras galegas.

Concluído o acto público, que contou coa presenza da deputada no Congreso, Olaia Fernández Davila, e de Serafín Otero, realizouse un reparto do material explicativo editado polo BNG dentro da campaña nacional que leva por lema “Queremos producir, por un sector lácteo galego con poder”. Entre as medidas propostas polo Bloque destacan a petición de medidas de intervención de mercado para a retirada de excedentes, que se garanta a recollida de todo o leite producido ou un marco contractual propio “que garantan ás explotacións capacidade real de negociación coas industrias”.

Urxen a demisión de Mosquera

En declaracións aos medios de comunicación, Carme Adán reiterou a petición de demisión da Conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, logo da multitudinaria mobilización decorrida onte na cidade olívica.

Para  Adán a saída de Mosquera do Goberno galego é unha necesidade “urxente” como primeiro paso para poñer fin ao proceso de privatización da sanidade, contra o que se manifestaron decenas de milleiros de persoas ateigando as rúas da cidade.

O BNG defende en Vigo o dereito de Galiza a producir e chama a consumir leite galego